O Exército de Venezuela acata a sentenza que valida a vitoria de Maduro

Entrega de material electoral ao Supremo venezolano por parte do Consello Nacional Electoral o 6 de agosto. (Foto: Tribunal Supremo de Xustiza de Venezuela)
González critica o Tribunal Supremo de Xustiza e cuestiona a súa imparcialidade.

A pesar dos repetidos chamamentos da principal facción da oposición, que presentou nas presidenciais o conservador Edmundo González (Plataforma Unitaria Democrática), para rexeitar os resultados das eleccións do 28 de xullo emitidos polo Consello Nacional Electoral (CNE) que constataron a vitoria do actual mandatario, o progresista Nicolás Maduro (Gran Polo Patriótico), deixando entrever incluso unha petición para que efectuara un golpe de Estado, a Forza Armada Nacional Bolivariana de Venezuela comunicou que “acata de maneira absoluta e categórica a sentenza emitida pola Sala Electoral do Tribunal Supremo de Xustiza”, recolleu na madrugada da sexta feira a canle teleSUR.

Ese veredicto, anunciado horas antes, validou os datos trasladados polo CNE, ratificando a elección de Maduro para un terceiro período no Palacio de Miraflores.

Os militares subliñaron que actúan en consonancia coa “Constitución e leis da República”, e destacaron que “o Estado venezolano a través das súas lexítimas institucións garante o respecto á vontade política do soberano”, en alusión ao pobo, antes de criticar a tentativa de “grupos fascistas de extrema dereita de concretar un golpe de Estado” por medio da “violencia” e “actos terroristas, vandálicos e cibernéticos”.

Asemade, unha vez resolto o caso que partiu dun recurso presentado polo propio Maduro, salienta a súa “absoluta lealdade” ao mandatario, “lexitimamente proclamado polo Poder Electoral”.

Maduro reaccionou ao auto reiterando que se trata dunha “sentenza histórica e contundente”, mentres que González, que antes de trasladarse o veredicto xa acusara o Supremo de asumir competencias do Poder Electoral e violar a separación de poderes públicos no caso de tomar unha decisión, aseverou que “desde hai moito tempo deixou de ser un tribunal imparcial e ao servizo da xustiza para converterse no brazo executor” de Maduro. Á vez, insistiu en que “gañamos atronadoramente e temos as actas que o demostran”.

A misión do Consello de Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas (ONU) sobre Venezuela tamén censurou a “falta de independencia e imparcialidade” do tribunal. Pola súa parte, outro dos ex candidatos, Enrique Márquez (Centrados na Xente), reclamou a recusación da presidenta do Supremo, Caryslia Rodríguez, á que inculpou de “non ter ocultado, nin no pasado, nin no presente, os seus vínculos políticos co partido de Goberno”. “Mal pode un xuíz impartir xustiza se non 
é imparcial”, engadiu.

Rodríguez desempeñouse entre 2019 e 2021 como edil do Municipio Libertador de Caracas, no que se localiza o Distrito Capital venezolano, polo Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV), a forza de Maduro, e foi durante case tres meses alcaldesa encargada. Xa en 2022 foi designada como maxistrada do Supremo polo lexislativo.

A oposición defende que se fixo con 83,5% das supostas actas dos comicios, que presentou nunha páxina web asegurando que outorgan a vitoria a González con 67% dos sufraxios. Maduro tería recibido 30%. Ao tempo, o último boletín do CNE, con 96,87% escrutado, indica que o actual presidente recibiu 51,95% dos apoios e González 43,18%.

Con todo, o Supremo detallou que González foi o único candidato que non se presentou ao ser citado na causa, así como que as forzas políticas que o apoiaron non presentaron ningún material electoral, tampouco as actas que, aducen, están no seu poder. Sexa como for, investigadores como Román Cuesta constataron após analizar os documentos varias irregularidades, como sinaturas falsificadas e manipulacións dixitais, nun sistema electoral que fora avalado pola propia oposición antes dos comicios.

Nese sentido, o avogado e académico Francisco Rodríguez sinalou á axencia AFP que o Supremo “era o espazo para defender” a vitoria que a oposición reclama, cuestionando que non levaran “os seus argumentos para defendelos aí”.

Ataque informático

O Supremo tamén exhortou o CNE a facer públicos os datos disgregados no prazo fixado pola lexislación, 30 días despois da proclamación da candidatura electa, o que aconteceu un día despois dos comicios.

O organismo atribuíu o atraso pouco usual en relación a procesos anteriores á hora de publicar os resultados íntegros a un ataque informático masivo durante a transmisión dos datos dos centros electorais, unha denuncia á que a oposición 
quitou importancia.

Gabriela Jiménez, titular de Ciencia e Tecnoloxía, detallou esta semana que desde o 28 de xullo o país enfrontou ciberataques a 126 plataformas tecnolóxicas do Estado, incluída a do CNE, afectando como mínimo 25 institucións, e indicou que os datos da empresa de ciberseguridade rusa Kaspersky ratifican que Venezuela foi o país de América do Sur máis atacado entre a última semana de xullo e a primeira de agosto. Todo iso, remarcou, require dunha capacidade tecnolóxica e financeira importante.

Nese sentido, a compañía de ciberseguridade estadounidense NetScout revelou que o 29 de xullo se rexistrou un pico de 109 ataques. Así e todo, as 29 ofensivas dixitais detectadas durante a xornada electoral supuñan a cifra máis alta en todo 2024, e, de feito, o impacto máximo en volume de información dos ataques do 28 de xullo foi máis de dez veces máis alto que os do 29.

O certo é que Astra, incluído na lista de Kaspersky dos 10 principais hackers do planeta, admitiu nunha entrevista co diario Publimetro estar detrás dos ataques, aseverando que está en contacto cun grupo de máis de 2.000 hackers e que colabora con Anonymous, tamén na listaxe.

No que atinxe ao CNE, mantén que non o hackearon durante o escrutinio, non obstante, recoñeceu que atacaron un porto (un punto virtual no que comezan e rematan as conexións de rede) relacionado co organismo despois de investigar a súa plataforma dixital, xustificándose en que buscaban evitar unha presunta fraude electoral da que terían sido avisados con anterioridade.

En paralelo, o Ministerio Público venezolano acusa a oposición de estar detrás do ataque para evitar a derrota electoral e tratar de desestabilizar o país co apoio dos seus aliados occidentais. As protestas posteriores aos comicios deixaron 27 persoas falecidas, informou a Fiscalía, que afirmou que máis de 70% foron asasinadas por bandas, e negou vítimas a mans do Estado.

México agarda aos resultados

Logo de que os Estados Unidos, Chile, a Arxentina ou o Uruguai rexeitaran a sentenza do Supremo venezolano, o presidente mexicano, Andrés Manuel López Obrador, que defendera non inxerir no proceso electoral do país americano, remarcou que “imos agardar a que dean a coñecer as actas” para proceder ao recoñecemento de Maduro. Pola súa parte, o Estado español e a Unión Europea (UE) reclamaron a presentación dos resultados disgregados.