Catalunya

Falece aos 117 anos a muller máis lonxeva do mundo, a catalá Maria Branyas

A catalá Maria Branyas. (Foto: VilaWeb)
Branyas, cuxa xenética é obxecto de estudo, está considerada a oitava persoa máis lonxeva de toda a historia.

A catalá Maria Branyas, considerada a persoa máis lonxeva do mundo tras a morte en xaneiro de 2023 da monxa francesa Lucile Randon —de 118 anos—, faleceu esta terza feira na residencia na que vivía en Olot (Catalunya).

Segundo informou a súa familia nun comunicado difundido na rede social X, Branyas morreu "como ela quería": "Mentres durmía, tranquila e sen dor". Na mesma mensaxe aseguran que a lembrarán sempre polos seus consellos e a súa bondade, nas súas palabras, e indicaron as palabras que lles dicía hai uns días: "Un día que descoñezo, pero que está moi perto, esta longa viaxe acabará. A morte atoparame gastada de vivir tanto, pero quero que me atope sorrindo, libre e satisfeita".

"Algún día marcharei de aquí. Non volverei probar o café, nin comer iogur, nin acariñar a Fada [a súa cadela]... Tamén deixarei os meus recordos, as miñas reflexións, e deixarei de existir neste corpo", engadira.

Branyas, segundo os datos do Gerontology Research Group, foi a oitava persoa máis lonxeva de toda a historia. De feito, o doutor Manel Esteller, referente internacional en investigación epixenética, encabeza unha investigación sobre os segredos da lonxevidade na que se empregaron mostras do seu ADN.

Esta muller, que vivía na residencia de Santa Maria del Tura, en Olot, naceu o 4 de marzo de 1907 e era a persoa de máis idade do mundo só por diante da xaponesa Tomiko Itooka —nada o 23 de maio de 1908—, que agora recibirá o seu título.

Hai uns días a súa familia apuntaba noutra mensaxe en X que Branyas, nas súas palabras, sentía que se achegaba a súa hora: "Síntome débil. Achégase a hora. Non choredes, non me gustan as bágoas. E, sobre todo, non sufrades por min. Xa me coñecedes, alá onde vaia serei feliz, pois dalgún modo levareivos sempre comigo".