Falecen o presidente e o ministro de Exteriores de Irán nun accidente aéreo

O helicóptero accidentado no que viaxaba o presidente iraniano, Ebrahim Raisi. (Foto: Iranian State TV via ZUMA Pres / DPA)
O helicóptero no que viaxaban sufriu un tráxico accidente este domingo nunha zona montañosa e de difícil acceso.

O Goberno iraniano vén de confirmar a morte do presidente do país, Ebrahim Raisi, e mais do ministro de Exteriores, Hosein Amirabdolahian, así como do resto de persoas que os acompañaban no helicóptero que este domingo sufriu un grave accidente nunha zona montañosa e de difícil acceso da provincia de Acerbaixán Oriental. A noticia deuse a coñecer nos medios estatais contra as 7.30 horas —hora local— desta segunda feira, logo de que se confirmase que non había "signos de vida" nos restos da aeronave, na que tamén viaxaban outros destacados dirixentes de Irán.

Os restos do helicóptero, que quedou calcinado por mor do sinistro, apareceron esta madrugada despois dunha intensa procura durante a noite entre condicións meteorolóxicas adversas e unha densa néboa. Medios iranianos precisan que a aeronave, segundo a información transcendida até o momento, bateu contra o cume da montaña.

Raisi, de 63 anos, fora designado presidente da República Islámica de Irán en agosto de 2021, logo de imporse nas eleccións dese mesmo ano con perto de 62% dos votos. O seu mandato caracterizouse pola 'man dura', salientando o endurecemento das 'leis da moral', un incremento da represión contra as protestas antigobernamentais e a morte baixo custodia de Mahsa Amini, de 22 anos.

O presidente falecido era visto por moitos como o candidato con máis papeletas para suceder o aiatolá, Ali Khamenei, de 85 anos, quen apoiou as principais políticas de Raisi. Segundo a Constitución iraniana, precisa a televisión Al Jazeera, unha vez confirmada a morte do mandatario asumirá as competencias o vicepresidente primeiro, Mohammad Mokhber, designado presidente automaticamente.

O ex presidente de Irán, falecido este domingo, Ebrahim Raisi. (Foto: DPA vía Europa Press)

Desde o seu gabinete afirmaron, a través dun comunicado, que o Goberno seguirá traballando "sen a máis mínima interrupción". "Aseguramos á nación leal que o camiño do servizo continuará co espírito incansábel de Raisi", engadiron.

Desde Al Jazeera apuntan tamén que non se recibiu ningunha chamada de mayday do piloto antes de bater o helicóptero contra a montaña. O analista experto en aviación Kyle Bailey subliña en declaracións a ese mesmo medio que a primeira tarefa do piloto é "manter o avión voando, e despois as comunicacións serían a segunda". "Basicamente non vimos ningunha comunicación... porque o piloto probabelmente estaba moi concentrado en aterrar o helicóptero ou mantelo no ceo", dixo.