O helicóptero do presidente de Irán efectuou unha 'aterraxe forzosa' e está en paradoiro descoñecido

Varios equipos de rescate desprazáronse até o lugar para atopar o helicóptero onde viaxaba o mandatario.

O presidente de Irán (Foto: Iranian Presidency / dpa).
photo_camera O presidente de Irán (Foto: Iranian Presidency / dpa).

O ministro do Interior iraniano, Ahmad Vahidi, confirmou que un helicóptero no que viaxaba o presidente do país, Ebrahim Raisi, tivo que realizar unha "aterraxe forzosa" este domingo mentres sobrevoaba a provincia de Acerbaixán Oriental.

Nunha declaración recollida pola axencia semioficial Mehr, o ministro explicou que o aparello, que levaba ao mandatario de regreso dun acto protocolario en Acerbaixán, viuse obrigado a descender por causa da néboa e que agora mesmos varios equipos de rescate diríxense á zona.

Os primeiros informes indican que o helicóptero formaba parte dun convoi de tres e no que viaxaba o presidente sufriu unha "aterraxe forzosa". As mesmas fontes indican que neste momento descoñécese o paradoiro do vehículo e do mandatario.

Ante esta situación, varios equipos de rescate tratan de chegar ao lugar a pesar das complicacións que hai como consecuencia das condicións climáticas.

"Algúns dos acompañantes do presidente neste helicóptero puideron comunicarse coa sede central, o que xerou esperanzas de que o incidente puidese terminar sen vítimas", dixo a axencia de noticias iraniana Tasnim.

Segundo indica a axencia, os outros dous helicópteros chegaron a destino sans e salvos.

Comentarios