Análise

Irán-Israel: coreografía e realidade

William Serafino é politólogo venezolano. Analista e investigador enfocado á xeopolítica.
Mulleres iranianas corean consignas durante una manifestación antiisraelí en Teherán o pasado 19 de abril. (Foto: Europa Press / Contacto / Rouzbeh Fouladi).
photo_camera Mulleres iranianas corean consignas durante una manifestación antiisraelí en Teherán o pasado 19 de abril. (Foto: Europa Press / Contacto / Rouzbeh Fouladi).

Nas últimas dúas semanas o punto de tensión principal da xeopolítica internacional radicouse en Oriente Medio. Desde o 7 de outubro de 2023, esta rexión vive un punto de definición desde todo punto de vista histórico no medio do intento máis decidido da resistencia palestina de socavar a política de ocupación colonial do Estado de Israel, respondido por Tel Aviv co, tamén, máis decidido intento de executar o primeiro xenocidio transmitido en vivo e directo da historia da humanidade, o primeiro deste século. 

Desde entón, o conflito foise rexionalizando, tomando forma dun campo de batalla que pasa as fronteiras físicas dos territorios palestinos ocupados. Hezbolá no Líbano, as Forzas de Mobilización Popular en Iraq e, nos últimos meses, os Hutís en Iemen, acosando o estratéxico estreito de Bab el-Mandeb no mar Vermello, nucleados no Eixo da Resistencia coordinado por Irán, son partícipes dunha confrontación continental cuxo punto de gravitación é a pugna por soster ou modificar a ecuación xeopolítica rexional. 

A tensión política non fixo máis que subir. A situación alcanzou o seu punto máis dramático hai dúas semanas, cando Irán, nunha acción sen precedentes, atacou directamente territorio israelí con drones kamikaze, mísiles cruceiro e balísticos. 

O baile de Irán e Israel

O ataque de Irán foi unha resposta ao ataque aéreo de Israel do 1 de abril contra o seu consulado en Damasco, no cal foi asasinado un alto comandante do Corpo da Garda Revolucionaria Islámica do país persa, entre funcionarios civís e outros militares de alto rango. 

En escaso espazo e tempo, as grandes potencias occidentais e emerxentes mostraron as súas capacidades combativas cara a cara

A resposta de Irán foi un soño perseguido desde a Guerra dos Seis Días de 1967, comentou o xornalista libanés, Hasan Illaik, ao momento de se coñeceren os ataques. Por primeira vez, Irán atacaba directamente a Israel. 

Non faltaron os titulares sensacionalistas sobre o inicio definitivo dunha III Guerra Mundial. Pero, ás poucas horas, a situación foise esclarecendo con importantes connotacións sobre a nova etapa na que entrou o conflito ampliado en Oriente Medio. 

Irán comunicara días antes que levaría a cabo unha resposta militar, dando tempo a Israel para a súa preparación. Non foi un ataque sorpresa e tampouco foi temperamental. Limitouse a dúas bases aéreas, Navtaim e Pivatim, utilizadas para o ataque aéreo de Tel Aviv contra o consulado iraniano na capital siria. Irán invocou o artigo 51 da Carta de Nacións Unidas, alegando lexítima defensa e, unha vez confirmados os impactos nos obxectivos militares establecidos, as autoridades do país deron por concluída a operación 'Promesa Verdadeira'.

Logo sóubose que cazas de combate estadounidenses, británicos e moi posibelmente xordanos participación na defensa aérea de Israel interceptando drons. Tamén se executaron manobras de apoio naval dos EUA e Francia.

Nada disto impediu que os mísiles balísticos de Irán penetrasen a supostamente inexpugnable "cúpula de ferro", o sistema de defensa antiaérea de última xeración de Israel. Pero isto nin sequera é o máis importante. 

Contención e incerteza

Por unhas horas, catro potencias nucleares da OTAN mobilizaron recursos militares para conter un ataque onde participaron, ademais de Irán, organizacións armadas en tres países: Líbano, Iraq e Iemen, polo que case unha decena de países estiveron nunha guerra librada en terra e aire nunha das zonas máis quentes do planeta en termos xeopolíticos. 

Por que unha situación tan dramática non detonou un conflito internacional imposíbel de conter? A resposta máis probábel até o de agora é que se tratou dunha coreografía militar e xeopolítica de grande alcance, calculada e limitada. Isto non desdí a gravidade do momento. Tampouco é sinónimo dun evento ficticio, simulado. Quizais o que quere dicir é que, neste punto, a coreografía foi unha forma de facer a guerra por outros medios, con outros fins: nesa estreita marxe de espazo e tempo, cargado de perigo, as grandes potencias occidentais e emerxentes mostraron as súas capacidades cara a cara, sen que iso implicase pasar o limiar dun combate destrutivo. 

A medida que avanzan os días, as informacións confirman esta hipótese. Washington contivo a Tel Aviv de dar unha resposta desproporcionada e agresiva a Irán, buscando unha desescalada. O xornalista brasileiro Pepe Escobar indicou que Rusia e China facilitaron a súa tecnoloxía de seguimento de mísiles a Irán, mentres que EUA, Francia e Reino Unido tiñan información precisa de intelixencia sobre o ataque de Irán. Isto permitiu que a situación desescalara, aínda cando non está estabilizada do todo. 
Ler esta descoñecida etapa do conflito Irán-Israel implica un desafío. Pero afastarse das visións extremistas podería ser un roteiro eficiente para comprender a súa evolución a partir de agora, con toda a súa complexidade, onde a ecuación xeopolítica se modifica tamén a cámara lenta, con coreografías perigosas. 

Comentarios