A folga xeral en Israel para reclamar un acordo con Hamás arrinca con bloqueos e suspensión de voos

Protesta na estrada costeira israelí perto de Kibbutz Yakum esta segunda feira, 2 de setembro. (Foto: Ilia Yefimovich / dpa).
O ultradereitista Smotrich fala de folga "política" e di que os traballadores públicos que se sumen non recibirán o seu salario

A xornada de folga xeral convocada para esta segunda feira polo sindicato máis importante de Israel para tentar forzar o Goberno a alcanzar un acordo co Movemento de Resistencia Islámica (Hamás) para lograr a liberación dos secuestrados durante os ataques do 7 de outubro arrincou con bloqueos de rúas e a suspensión de voos no Aeroporto Internacional de Ben Gurión.

Decenas de persoas bloquearon á primeira hora do día rúas en Ben Gvir e nos arredores de Modiin e Rosh Pina, segundo informou o diario The Times of Israel. Ademais, rexistráronse bloqueos de estradas noutras partes do país no marco das mobilizacións.

En Yokneam, Ela Ben Ami, cuxo pai figura entre os secuestrados en Gaza, lamentou o achado durante a fin de semana dos corpos de seis reféns na Franxa. "Seis reféns que poderían volver con vida foron asasinados baixo cativerio", criticou. "Non podemos permitir que isto volva pasar. Faremos o que sexa necesario ata que volvan a casa sans e salvos", sostivo durante as protestas na localidade de Yokneam, ao sueste da cidade de Haifa, tal e como recolleu o diario Haaretz.

Pola súa banda, a folga derivou na suspensión de engalaxes de avións no Aeroporto Internacional Ben Gurión desde as 8 horas, mentres que os hospitais funcionan co horario reducido correspondente ás fins de semana. Ás protestas sumáronse ademais universidades e bancos.

Sen salario

Para a folga, o ministro de Finanzas de Israel, o ultradereitista Bezalel Smotrich, afirmou durante a xornada do domingo que dera orde ao Tesouro de non pagar os salarios aos traballadores públicos que se sumasen ás protestas, segundo un comunicado publicado a través da súa conta na rede social X. Desta forma, desvelou, ademais, que pedira ao Defensor do Pobo que reclamase aos tribunais unha suspensión da folga, que describiu de "política".

"Non está baixo a autoridade de Histadrut –o principal sindicato de Israel– e non ten efectos legais", sostivo. "Non se permitirá aos xefes de Histadrut voltear o país e usar os traballadores como armas para lograr avances nos seus obxectivos políticos", manifestou Smotrich, quen incidiu en que "calquera empregado que non acuda ao seu posto de traballo, non recibirá o seu soldo".

O presidente da Histadrut, Arnon Bar-David, anunciou o domingo unha folga xeral e remarcou que un acordo que permita a liberación dos secuestrados durante os ataques executados o 7 de outubro por Hamás e outras milicias palestinas "é agora mesmo o máis importante". Nesta liña, dixo que o acordo parece estar bloqueado "por consideracións políticas".

Así, fixo referencia ás críticas vertidas durante os últimos meses polos críticos do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, a quen acusa de obstaculizar constantemente as negociacións para un cesamento do fogo en Gaza para satisfacer aos seus socios de goberno –integrados por partidos ultradereitistas e ultraortodoxos–, quen esixe continuar coa ofensiva contra Gaza custe o que custe.

40.700 palestinos mortos

Os chamamentos á folga xeral comezaron poucas horas despois do achado o sábado dos corpos sen vida de seis reféns durante unha operación israelí no sur de Gaza. Israel afirmou que estas persoas foron executadas por Hamás, mentres que o grupo islamita afirma que morreron nun dos bombardeos israelís sobre a zona.

O Exército de Israel lanzou unha ofensiva contra Gaza tras os citados ataques do 7 de outubro, que se saldaron cuns 1.200 mortos e preto de 250 secuestrados. A ofensiva deixa até a data máis de 40.700 palestinos mortos, unha cifra á que se suman máis de 660 mortos en Cisxordania e Xerusalén Leste a mans das forzas israelís ou colonos.