Forte división no seo do Goberno español polas armas para Ucraína: Yolanda Díaz acusa Pedro Sánchez de "falta de lealdade"

Pedro Sánchez, María Jesús Montero e Yolanda Díaz no Congreso español (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
Díaz subliñou que a falta de transparencia coa que operou o PSOE neste asunto é "moi grave".

A vicepresidenta segunda do Estado español e líder de Sumar, Yolanda Díaz, acusou á parte socialista do Goberno estatal de actuar "con falta de lealdade" cara ao seu socio de coalición coa súa "opacidade" polo envío de armas a Ucraína e exixiu que deixe de "actuar en solitario" e non impida o debate sobre esta medida no Congreso español.

Díaz subliñou que a falta de transparencia coa que operou o PSOE neste asunto é "moi grave", dado que en dúas ocasións Sumar presentou no seo do Goberno español observacións sobre o destino dos 1.130 millóns de gasto militar aprobado en abril e "non se lle contestou", até que segunda feira coñeceu pola prensa de que o destino era armas para Ucraína.

"É moi grave por unha falta de lealdade co socio de Goberno, mais é máis grave pola falta de lealdade cos españois. A política de defensa é moi importante no país e a cidadanía ten dereito a que exista un debate público sobre se este proceder é correcto ou non", salientou Díaz.

Debate no Congreso

Así, rexeitou o argumento do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, de non levar o acordo bilateral co seu homólogo ucraíno, Volodimir Zelenski, ao ser un memorándum de entendemento.

Concretamente, Díaz sentenciou que ese envío implica cantidades "elevadas" nun contexto no que non se aprobaron novos Orzamentos Xerais do Estado, polo que o PSOE debe recapacitar e facer este debate democrático para que os grupos se pronuncien.

Cuestionada sobre se vai falar co presidente do Goberno español para expresarlle o seu malestar, a líder de Sumar sinalou que sempre actuará con discreción sobre as súas conversacións con Sánchez, para insistir en que a súa formación xa manifestou a súa postura crítica sobre a aprobación dese gasto militar en abril, que se efectuou con "total opacidade".

"A política de Defensa española que ten que estar sometida democraticamente ao debate do Congreso para que o coñeza a cidadanía, mais tamén, loxicamente, nunha democracia, os partidos políticos teñen que opinar", resolveu a líder de Sumar.