Cifra récord: Sánchez anuncia unha doazón a Ucraína de 1.000 millóns de euros este ano para armamento

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, reuniuse esta segunda feira en Madrid co seu homólogo español, Pedro Sánchez. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
O Estado español convértese no décimo territorio en asinar un acordo de seguridade con Ucraína na visita do seu líder, Volodimir Zelenski, nun pacto dunha década de duración que supón un forte investimento nas empresas de armas españolas por parte do Goberno estatal.

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, aterrou a segunda feira en Madrid, a capital do Estado español, onde foi recibido polo xefe de Estado, o rei Felipe VI, antes de dirixirse á Moncloa para unha reunión co presidente, Pedro Sánchez, co que asinou un acordo de seguridade de dez anos prorrogábeis que inclúe a entrega a Kíiv este exercicio de 1.000 millóns de euros en armas.

Nunha rolda de prensa con Zelenski antes de continuar cun programa que culminou cunha visita ao Congreso, Sánchez defendeu que a achega “vai permitir a Ucraína reforzar as súas capacidades”. Desde a invasión rusa, o Estado español comprometera xa case 1.000 millóns de euros de axuda a Kíiv, un terzo en armamento, sinalan as cifras do Kiel Institute.

Xa no lexislativo, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Bildu, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Podemos rexeitaron participar na xuntanza de Zelenski co liderado dos grupos, criticando este gasto en armamento para “alimentar a máquina de guerra”.

Estes acordos de seguridade, que Ucraína rubricou co Reino Unido, Alemaña, Francia ou Italia, responden á negativa da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) de levar á práctica as promesas de ingreso a Kíiv na súa cimeira de 2023, substituíndoas por apoio militar a longo prazo até unha hipotética adhesión.

Con todo, non inclúe garantías de seguridade, e, de producirse “un futuro ataque armado de Rusia” apenas recolle que Madrid, o décimo Estado que asina estes pactos, consultará con Kíiv “as medidas que deban adoptarse”, nun texto no que o Estado se compromete a manter as sancións coercitivas contra Rusia e colaborar coa Corte Penal Internacional (CPI) para xulgar crimes de guerra. Tamén supón unha colaboración bilateral en seguridade e intelixencia, loita contra a delincuencia ou nas industrias de armas, así como o apoio do Estado á integración de Ucraína na UE e na OTAN.

Zelenski cualificou o Estado español como un “socio fiábel”, destacando que a axuda é “salvadora neste tempo de guerra tan difícil”, tras suspender hai dúas semanas a viaxe a Madrid polos avances rusos en Khárkiv. A meirande parte do armamento que entregará o Estado provirá da industria de defensa española, con cuxas directivas e directivos se reuniu Sánchez en marzo. O paquete inclúe unha serie de mísiles antiaéreos Patriot, 19 tanques Leopard 2 rehabilitados, munición de artillaría, morteiros ou lanzafoguetes portátiles. En paralelo, ampliarase en 400 tropas ucraínas o programa de adestramento militar no Estado, polo que xa pasaron 4.000 soldados, sosteñen medios estatais.

Desde a invasión rusa de Ucraína en febreiro de 2022 e até o 29 de febreiro deste ano, os Estados membros ou da contorna da OTAN comprometeron a Ucraína case 260.000 millóns de euros, máis de 110.000 millóns só en armamento, arredor de 52.000 millóns por parte da UE e máis de 43.000 dos Estados Unidos, revelan as cifras do Kiel Institute.

Non obstante, estes díxitos non comprenden o paquete para Ucraína aprobado hai poucas semanas polos Estados Unidos, de máis de 56.000 millóns de euros, impulsando uns números que se reduciran ao seu nivel máis baixo desde a invasión rusa con posterioridade ao fracaso da contraofensiva militar ucraína.

Debate na OTAN sobre os ataques a territorio ruso

Con Rusia á ofensiva e avanzando paulatinamente no Donbás, e cunha nova fronte aberta en Khárkiv, Jens Stoltenberg, secretario xeral da alianza militar controlada polos Estados Unidos, defendeu que se debería outorgar permiso a Kíiv para usar o armamento que recibe para atacar obxectivos dentro do territorio ruso. Aínda que teoría esta posibilidade está restrinxida, o Exército ucraíno ataca repetidamente Rusia, o que para o Kremlin xustificou a entrada na rexión de Khárkiv co fin de desenvolver unha zona de amortecemento que limite os ataques.

Estas declaracións chegaron despois das demandas de Zelenski neste sentido. Así e todo, apenas está constatado o aval a estes ataques dentro da OTAN, entre o temor a unha escalada, por parte do Reino Unido, o que tamén apoia Polonia e estuda a Casa Branca.

Rapidamente, Alemaña e Italia rexeitaron esa posibilidade. “Non enviaremos militares italianos a Ucraína e os instrumentos militares enviados por Italia utilízanse dentro de Ucraína, traballamos pola paz”, insistiu o titular de Exteriores transalpino, Antonio Tajani, namentres o chanceler alemán, Olaf Scholz, resolveu que hai “regras claras que se acordaron con Ucraína e que funcionan”, subliñando que queren “evitar que haxa unha gran guerra” máis alá deste conflito bélico. Após os Estados Unidos, Alemaña é o segundo país que máis armas enviou a Ucraína.

Non foi tan explícito arredor desta cuestión Sánchez, que sinalou que non é esa a súa vontade pero incidiu en que é unha decisión que excede as súas competencias.
Sexa como for, Scholz asegurou que a entrada de Ucraína na OTAN “probabelmente” non acontecerá “nos próximos 30 anos”.

As palabras do chanceler alemán producíronse durante a visita de Estado de Emmanuel Macron, a primeira dun presidente francés en 24 anos. Macron desencadeou unha escalada diplomática da OTAN con Rusia ao abrir a porta ao envío de soldados da alianza militar a Ucraína se as tropas de Moscova seguían avanzando nas frontes de combate, e ordenou o envío a Kíiv de militares para adestrar soldados ucraínos.

Ao respecto, lexisladoras e lexisladores dos países bálticos advertiron a Alemaña que canda Polonia enviarían militares a Ucraína “se os rusos logran un avance estratéxico”, profundando nesta posibilidade, reportou o semanario Der Spiegel.

O Brasil e a China reclaman un cumio de paz e minimizan a cimeira suíza

Para Pedro Sánchez, un dos alicerces do acordo de seguridade con Ucraína, que sostivo non se votará no Congreso posto que se trata dun “memorando de entendemento” e non dun “tratado internacional”, é a cimeira de paz organizada por Suíza a mediados de xuño, na que confirmaron a súa participación arredor de 80 Estados dos 160 convidados, insistindo en que aspira a “sentar as bases para que sexa posíbel avanzar cara a un final negociado do conflito”.

Porén, a efectividade desta reunión está a ser cada vez máis cuestionada, primeiro pola non participación rusa, e despois pola probábel non asistencia de Joe Biden, o presidente estadounidense, segundo trasladou a axencia Bloomberg, nunha tentativa de que a guerra en Ucraína non afecte a súa campaña electoral. Nesa liña, Alemaña admitiu que un potencial proceso de paz non será o eixe principal da cita no territorio suízo.

O último golpe á cimeira chegou do Brasil e da China, que reclamaron conxuntamente “unha conferencia internacional de paz nun momento adecuado que sexa recoñecida tanto por Rusia como por Ucraína, cunha participación igualitaria de todas as partes así como unha discusión xusta de todos os plan de paz”.

Rusia considerou o cumio suízo como unha artimaña para que os Estados occidentais logren apoio dos países do Sur Global para o plan de paz presentado por Ucraína, considerando como “inútil” unha cimeira de paz que non teña en conta os intereses do país, que reiterou a súa vontade de negociar tras bloquear a OTAN un acordo de paz con Ucraína nos primeiros compases da invasión rusa.