Hungría acusa a UE e os Estados Unidos de preparar a entrada da OTAN na guerra de Ucraína

O Brasil e a China piden avanzar cara a un alto o fogo entre Kíiv e Moscova.
O líder húngaro Viktor Orbán. (Foto: Zhao Dingzhe / Europa Press / Contacto)
photo_camera O líder húngaro Viktor Orbán. (Foto: Zhao Dingzhe / Europa Press / Contacto)

“O que sucede hoxe” na Unión Europea (UE) e os Estados Unidos, “actualmente máis en Bruxelas, é un tipo de preparación da atmosfera para un eventual conflito armado directo. Poderíamos dicir que é a preparación da entrada de Europa na guerra” de Ucraína, afirmou a sexta feira o primeiro ministro do Goberno de extrema dereita húngaro, Viktor Orbán.

Nese sentido, asegurou que na sede da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN)  “estanse a desenvolver planificacións bélicas”. Logo de defender que o Executivo “está a traballar intensamente para descubrir como evitar participar na guerra e seguir sendo membro da OTAN”, apuntou que “é preciso avaliar o seu papel na alianza militar” controlada polos Estados Unidos e, no tocante a Ucraína, negociar un tratado de paz con Rusia.

Ao respecto, o Brasil e a China emitiron unha declaración conxunta que demanda ás partes que creen “as condicións para a reactivación do diálogo directo e impulsar a distensión da situación até a consecución dun alto o fogo integral”.

Sen saír desta cuestión, a axencia Reuters indicou que o presidente ruso, Vladimir Putin, “estaría disposto a deter a guerra en Ucraína cun alto o fogo negociado que recoñeza as actuais liñas do campo de batalla”. Dmitri Peskov, voceiro do Kremlin, detallou que en múltiples ocasións Putin trasladou a súa disposición ao diálogo para cumprir os seus obxectivos bélicos, como a renuncia de Ucraína a entrar na OTAN.

Sobre as armas enviadas por boa parte dos membros da UE a Kíiv, o xornal eslovaco Pravda reportou que Juraj Cintula, o autor do intento de asasinato do primeiro ministro progresista Robert Fico, sinalou que un dos motivos do ataque é que “quere que se brinde axuda militar a Ucraína”, tras suspender Fico as entregas de armas.

Xeorxia denuncia ameazas da UE

A tentativa de magnicidio protagonizou unha conversa entre o responsábel de Veciñanza e Ampliación da Comisión Europea, Olivér Várhelyi, e o primeiro ministro xeorxiano, Irakli Kobakhidze.

No marco das críticas da UE a unha lei para que organizacións que operan en Xeorxia teñan que rexistrarse como entidade de “influencia estranxeira” cando reciban como mínimo 20% de financiamento foráneo, Kobakhidze denunciou que foi ameazado, ao salientar Várhelyi que “mirade o que lle pasou a Fico, tedes que ter moito coidado”, o que o comisario atribuíu a unha mala interpretación “sacada de contexto”.

Comentarios