Gaza advirte do colapso do sistema sanitario ante a agresión militar israelí, que obriga a fechar outro hospital en Rafah

Persoas refuxiadas en tendas de campaña en Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press / Contacto)
O centro médico máis grande de Rafah xa fora clausurado após o ataque de Israel.

“Nunhas poucas horas” o sistema de saúde na Faixa de Gaza entrará en colapso, alertou a segunda feira o Ministerio de Saúde do enclave palestino, que explicou que responde á “falta de subministración do combustíbel necesario para operar os xeradores de electricidade nos hospitais” ou as ambulancias.

A finais da pasada semana, a Organización das Nacións Unidas (ONU) denunciou que, desde que poucos días antes o Exército israelí tomara o cruce fronteirizo de Rafah, nos lindes de Gaza con Exipto, non entrara axuda humanitaria no territorio, intensificando a fame que padece a poboación no marco da obstaculización sionista á entrada de axuda humanitaria.

Amais, a Axencia da ONU para os refuxiados palestinos e o Programa Mundial de Alimentos advertiron da fin da comida que tiñan para distribuír no sur de Gaza, no que, en teoría, a situación non era tan grave como no norte.

O ataque israelí contra Rafah, posterior a que Hamás, que goberna Gaza, aceptara unha proposta para un alto o fogo que Israel boicoteou, impactou no sistema sanitario do territorio, no que apenas funcionaban parcialmente un terzo dos hospitais. Tras fecharse o al Najjar, o centro médico máis grande da cidade, os soldados israelís ordenaron ao persoal médico do Hospital Kuwaití que fuxira.

En paralelo, repórtanse combates entre soldados sionistas e as forzas da resistencia no norte do enclave, no que Israel lanzou unha operación após asegurar que eliminara Hamás da área.

Demanda por xenocidio

Ademais, as Maldivas anunciaron que secundan a decisión de Exipto e tamén se unirán á demanda na Corte Internacional de Xustiza contra Israel por xenocidio en Gaza.