Impulsan unha declaración institucional para que o Parlamento demande un alto o fogo e o recoñecemento de Palestina

Un neno sostén un oso de peluche sobre os cascallos dun edificio derruído en Al-Zawayda, no centro da Faixa de Gaza. (Foto: Omar Naaman / DPA vía Europa Press)
Varios colectivos elevan as súas peticións aos grupos representados na Cámara galega para apoiar o pobo palestino.

Con máis de 35.000 vítimas mortais e sen visos de Israel deter a súa ofensiva sen precedentes sobre a Faixa de Gaza, o masacre segue a centrar as miradas de todo o mundo, tamén na Galiza. E ao fío da conmemoración esta cuarta feira, 15 de maio, do 76º aniversario da Nakba, o grande éxodo forzoso da poboación palestina, os colectivos Galiza por Palestina, Mar de Lumes, BDS Galiza e Asociación Galaico-Árabe Jenin queren que o Parlamento da Galiza aprobe unha declaración institucional a favor de Palestina.

O texto, que entre outras medidas urxentes demanda un cesamento do fogo "inmediato e permanente", a apertura de corredores humanitarios que permitan a entrada de axuda humanitaria ou restabelecer os servizos e dereitos civís e laborais "que permitan o retorno á vida normal da poboación", trasladouse esta segunda feira ao grupo parlamentario do PSdeG, e para a terza están previstas novas reunións con BNG e PP, pendentes aínda da resposta de Democracia Ourensá. O obxectivo destes colectivos é que haxa consenso no pleno e a declaración institucional reciba luz verde.

Garantir o dereito à autodeterminación do pobo palestino e o recoñecemento do seu estado; pór fin á ocupación nos territorios palestinos e "obrigar Israel a acatar e cumprir estritamente as resolucións da ONU respecto a Palestina"; suspender "en todas as escalas administrativas" as relacións diplomáticas e de asociación comercial e militar; reclamar a liberación das palestinas presas en Israel; apoiar a denuncia de Suráfrica por xenocidio na Corte Internacional de Xustiza, e garantir o "dereito ao retorno" de toda a poboación " que foi expulsada dos seus fogares nas sucesivas operacións de limpeza étnica practicadas por Israel contra o pobo palestino", nomeadamente durante a propia Nakba de 1948.

Protestas estudantís

De forma paralela, o estudantado mobilízase esta terza feira, da man de Erguer, nos campus de Vigo, Ourense, Pontevedra, Lugo e Compostela. Neste último, aliás, están previstas unha asemblea aberta e unha acampada, ás 19 horas, na Facultade de Historia, seguindo a tendencia iniciada a pasada semana polo alumnado da Universidade da Coruña. E para a cuarta feira están previstos diferentes actos conmemorativos da Nakba en cidades como Compostela e Vigo.