Catalunya

O Govern catalán afirma que os Mossos non esperaban un "comportamento tan impropio" de Puigdemont

O conseller catalán de Interior en funcións, Joan Ignasi Elena. (Foto: Lorena Sopena / Europa Press)
Elena acusou Junts de usar os e as cidadás como extras dun engano.

O conseller de Interior en funcións, Joan Ignasi Elena, asegurou esta sexta feira que os Mossos d'Esquadra non esperaban "un comportamento tan impropio" de quen fora a máxima autoridade de Catalunya, en referencia á volta e posterior saída de Catalunya do ex president Carles Puigdemont.  

Así mesmo, Elena acusou Junts de usar os e as cidadás como extras dun engano. Nestes termos se expresou o conseller en funcións, quen compareceu xunto ao Director Xeral da Policía, Pere Ferrer, nunha rolda de prensa na Conselleria de Interior en Barcelona, na que tamén interveu o comisario xefe de Mossos d'Esquadra, Eduard Sallent, e á que asistiu a comisaria de Prefectura, Rosa Bosch, entre outros mandos do corpo.

Elena lamentou que desde Junts se urdise un plan para dinamitar e deslexitimar o pleno de investidura "sinxelamente porque non gustaba o resultado do mesmo", nunha manobra que entende como un ataque ao Govern actual para colocar ERC fóra da fronte independentista.

Previamente, o xuíz instrutor da causa do 'procés', Pablo Llarena, pediu aos Mossos d'Esquadra e ao Ministerio español de Interior que informen sobre o operativo policial planificado para a detención do ex president catalán Carles Puigdemont e "sobre os elementos que determinaron o seu fracaso desde un aspecto técnico policial".

En dúas providencias, o maxistrado do Tribunal Supremo pregunta ao corpo policial e ao Ministerio cal era o operativo inicialmente aprobado e disposto para a súa detección en fronteira, así como as ordes posteriores que foron cursadas esta quinta feira para a súa detección despois de terse perdido a súa pista.

Sobre este operativo, o ministro español de Xustiza, Presidencia e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, sinalou esta sexta feria que correspondía aos Mossos d'Esquadra e que o conseller de Interior saínte sería o encargado de dar as explicacións.

"Quedemos co importante, porque é un episodio que nada achegou á sociedade catalá", engadiu Bolaños, nun intento por virar o foco da actualidade sobre a investidura do novo presidente da Generalitat de Catalunya, Salvador Illa.

Por outra parte, esta mesma sexta feira, o avogado de Puigdemont, Gonzalo Boye, confirmou en declaracións a Rac1 que o ex president de Catalunya este se atopa fóra do Estado español e que falará entre "hoxe ou mañá (esta sexta feira ou sábado)".