Catalunya

Haberá acordo entre PSC e ERC para investir Salvador Illa? Así están as negociacións

O lider do PSC, Salvador Illa (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press).
Un dos puntos aspectos clave é o financiamento de Catalunya, para o que cada formación ten a súa proposta.

A secretaria xeral de ERC con funcións de presidenta da formación, Marta Rovira, avisou esta segunda feira o PSC de que se levantarán da mesa de negociación se a finais de xullo non hai un preacordo para investir ao candidato socialista a presidir a Generalitat de Catalunya, Salvador Illa.

"A finais de xullo temos que saber se hai auga na piscina. É importante. Se a finais de xullo non vemos as bases clave que deben permitir que o país avance levantarémonos da mesa de negociación", advertiu en rolda de prensa tras presidir de forma presencial, tras seis anos e medio, a reunión da executiva de partido tras o seu regreso desde Suíza a pasada sexta feira.

Segundo Rovira, queren evitar que se produza "un escenario de negociación de último minuto" e que se lles atribúa toda a responsabilidade dunha posíbel repetición electoral.  No caso de que non logren un preacordo a finais de xullo nos aspectos que consideran fundamentais, convidarán os socialistas a buscar maiorías alternativas para conseguir a investidura de Illa.

"Unha maioría con PP e Vox, que non sería estraña porque xa o fixeron noutras cámaras, ou unha maioría con Junts", explicitou. "Estes últimos meses e anos entendéronse tantísimas veces en cuestións clave, e quedámonos tan sós desde ERC defendendo cuestións como o dereito ao acceso a unha vivenda digna, que non entendemos por que non se deberían poder entender", apuntou.

Despois de que a semana pasada se mostrasen optimistas ante un posíbel acordo, Rovira aclarou que se referían ao ritmo das negociacións, mais asegurou que acabaron a semana "sen os resultados esperados". "A semana pasada deberiamos acabar mellor de como a empezamos. Son máis pesimista. O ritmo é o que é, pero o ritmo non garante que haxa un bo acordo", recalcou.

Así, manifestou a súa preocupación respecto diso e, tras asegurar que non ten cita para reunirse co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, nin con Illa, confiou en que, o feito de que agora poida asistir de forma presencial, poida achegar calidade e confianza aos encontros.

Optimismo no PSOE

A portavoz do PSOE, Esther Peña, afirmou esta segunda feira que o partido está optimista ante a posibilidade de alcanzar un acordo con ERC para a investidura de Salvador Illa como novo president da Generalitat de Catalunya.

Na mesma liña, fontes da dirección do PSOE, sinalan que viron o presidente do Executivo e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, "máis optimista que nunca" ante un posíbel pacto na reunión da Executiva Federal que presidiu esta segunda feira. Con todo, precisan que o acordo aínda non está fechado e que aínda que se están producindo avances entre as dúas partes.

"Nós confiamos, segue habendo tempo, con tranquilidade, as negociacións están aí, os papeis que se pasan duns a outros seguen estando aí", sinalou Peña nunha rolda de prensa esta segunda feira desde a sede do PSOE en Ferraz.

Neste sentido insisten en que o que dixeron os cataláns nas urnas, "que Salvador Illa sexa o próximo president da Generalitat", vaise converter "nunha realidade" porque este é o interese da maioría da sociedade catalá, "pasar páxina e crear un tempo novo para Catalunya", apuntou a portavoz do PSOE. Pola contra considera que hai "moi poucos" que prefiren que non haxa goberno e que se repitan as eleccións. "Esta é a disxuntiva ante a que nos atopamos", advertiu.

Diferenzas no financiamento

Un dos puntos aspectos clave é o financiamento de Catalunya. Neste sentido, ERC segue exixindo soberanía fiscal e un concerto económico. Pola súa parte, a formación socialista ofreceu un consorcio tributario no que participen o Estado e a Generalitat e que podería recadar o 100% dos impostos que se pagan a nivel catalán.