Así foi o regreso a Catalunya de Marta Rovira, que pide a unidade de todo o independentismo

O nacionalismo catalán viviu esta sexta feira unha xornada de xúbilo como resultado do retorno ao país de cinco militantes exiliados en Suíza. A súa volta prodúcese nun momento convulso en Catalunya, derivado do proceso de investidura do próximo presidente catalán e da negativa da maior parte dos xuíces a aplicar a Lei de amnistía ás persoas condenadas en relación co Procés. 67% do total dos amnistiados desde a aprobación da norma son policías.

EuropaPress_6085472_periodista_directa_jesus_rodriguez_2i_diputado_erc_parlament_ruben
photo_camera Rodríguez, Wagensberg, Serra, Rovira e Campmajó no acto de recibimento, en Cantallops, no Alt Empordà. (Foto: Europa Press).

O retorno a Catalunya desde o seu exilio suízo de Marta Rovira, Ruben Wagensberg, Oleguer Serra, Jesús Rodríguez e Josep Campmajó converteuse nunha xornada de festa para todo o nacionalismo. A parada dos cinco no conxunto escultórico das Portas dos Països Catalans en Salses, a localidade máis setentrional de Catalunya, emprazada no distrito de Perpinyà, na Catalunya Nord, o masivo recibimento no pequeno municipio Cantallops, no Alt Empordà, onde naceu Ruben Wagensberg, e o acto de benvida na sede de Òmnium Cultural en Barcelona son un bo exemplo da significación da xornada.

As palabras dos militantes nacionalistas retornados incidiron na importancia da data. A este respecto, a secretaria xeral de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Marta Rovira, afirmou, entre bagoas, que “hoxe temos que celebrar esta vitoria pois hai moito tempo que o independentismo non celebra nada". Na mesma dirección, apuntou que “esta causa vai de democracia e dereitos humanos” e agradeceu a solidariedade de Suíza co exilio catalán porque “alí onde estes valores teñen cabida, escóitannos". Ao tempo, lembrou o resto da militancia nacionalista fuxida fóra do Estado ou procesada nas diversas causas xudiciais abertas desde 2017.

O proxecto de Rovira

Rovira indicou, nunha orientación máis política, que “vimos aquí para, acabar o traballo que deixamos a medias, para volver recomezar e unir a todo o movemento independentista". Nesta liña, insistiu en que “isto viñemos a rematar. Estamos aquí cargadas con máis razóns ca nunca para chegar até o final” e reflexionou sobre “cando os independentistas esquecemos que se imos xuntos somos máis fortes”. Asemade chamou a avanzar “cara á república, sen descanso, infinitamente, até a nosa liberdade e a do noso pobo".

As declaracións de Rovira eran moi agardadas nos círculos políticos de Catalunya por tratarse dunha das dirixentes de máis peso de ERC e por efectuarse no contexto dunha forte conflitividade interna na formación que enfronta para 30 novembro o seu congreso e no marco das negociacións do proceso de investidura do próximo presidente catalán. Neste sentido, o regulamento aprobado pola Mesa do Parlament determina que a data tope para a presentación de candidaturas á Presidencia de Catalunya remata o 26 de agosto.

Os dirixentes de ERC manifestaron na última semana que as negociacións co Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC) para investir como presidente o seu candidato Salvador Illa avanzan a “bo ritmo”. Nesta dirección, a voceira republicana Raquel Sans destacou a segunda feira que as conversas cos socialistas son “fluídas” e avanzou a posibilidade de alcanzar un acordo a finais de xullo. Precisamente, o equipo negociador de ERC co PSC está encabezado por Marta Rovira, na súa condición de secretaria xeral do partido.

O acordo de investidura entre socialistas e republicanos deberá ser referendado polas bases da formación. Estas, nas asembleas comarcais de ERC desenvolvidas nas últimas semanas en todo o territorio catalán rexeitaron de xeito maioritario un pacto para investir Salvador Illa, chegando algunhas delas, como a de Lleida, a facer público un comunicando desbotando a posibilidade dun acordo co PSC. Neste punto, o director do xornal Vilaweb, Viçent Partal, asegura a Nós Diario que a opinión maioritaria en Catalunya é que resulta “moi complicado que ERC apoie o PSC polo rexeitamento das súas bases a este pacto”.

O retorno de Puigdemont

Partal lembra que “Puigdemont xa anunciou que en caso de investidura retornaría a Catalunya, o que implicaría a súa inmediata detención e dificultaría aínda máis o apoio de ERC ao PSC, porque sería moi complicado para os deputados de ERC votar Illa, representante dun partido do 155, co presidente Puigdemont no cárcere”. Neste sentido, Partal apunta que “Puigdemont está plenamente decidido a entrar en prisión, porque considera que é o lugar máis útil neste momento para seguir loitando por Catalunya”.

O director de Vilaweb defende como opción máis probábel que ERC non vote a favor da investidura de Illa. Nesta orientación, sinala que “o apoio de ERC a Illa provocaría necesariamente unha escisión no partido” nacionalista e aposta por “unha repetición electoral”, que o calendario fixa para o 13 de outubro. Porén, non ve “probábel unha lista unitaria do independentismo” para eses comicios, onde os republicanos poderían ver reducida a súa representación parlamentaria despois da caída de deputados rexistrada nas eleccións do 12 de maio.

Rovira está chamada a xogar un papel chave no endiañado escenario que ten por diante a súa formación en Catalunya. A este respecto, Partal significa que “as palabras de Rovira chamando a unidade do independentismo son incompatíbeis con apoiar a investidura de Illa”, porén, opina que de “aí non se pode inferir por agora ningunha conclusión”. Na mesma liña, a posición da secretaria xeral vai resultar determinante no proceso aberto de ERC, como cabeza visíbel do sector enfrontado a Oriol Junqueras, que pretende recuncar como presidente do partido no congreso convocado para o 30 de novembro. Neste debate, Marta Rovira defende unha renovación na dirección da formación que abra a porta a novos liderados nas filas da Esquerra Republicana.

1.616 cataláns esperan pola amnistía

Os militantes nacionalistas retornados esta sexta feira a Catalunya tiveron un especial recordo para os seus compañeiros e compañeiras que esperan pola amnistía. A Lei de amnistía beneficiou plenamente até a data 74 persoas, das cales 50 son policías, 20 manifestantes independentistas e catro cargos públicos. As medidas de graza aos membros dos corpos de seguridade do Estado español que participaron na represión do referendo do 1 de outubro de 2017, contrasta coas 1.616 que agardan pola aplicación da norma.

Comentarios