Kamala Harris intenta reforzarse nunha Convención demócrata entre protestas contra o xenocidio en Gaza

Escenario no pavillón United Center (Chicago) para a Convención demócrata. (Foto: Chris Riha / Europa Press / Contacto)

Previstas protestas masivas en Chicago.

A Convención Nacional Demócrata comezou a segunda feira na cidade estadounidense de Chicago, 56 anos despois de que a forte represión das protestas para rexeitar a agresión militar dos Estados Unidos a Vietnam na cidade máis poboada de Illinois durante o evento deixara unha persoa asasinada a mans das forzas de seguridade, arredor de 600 detidas e máis de 100 hospitalizadas.

Nesta ocasión, tamén milleiros de persoas estaban preparadas para protestar, mais en contra do apoio de Washington á agresión militar israelí contra o territorio palestino de Gaza -que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de xenocidio e limpeza étnica- encabezado por 'Genocide Joe' (Joe o xenocida), un alcume usado polas persoas manifestantes para referirse ao presidente actual, o demócrata Joe Biden.

A Coalición para a Marcha contra a Convención Nacional Demócrata, conformada por máis de 250 organizacións, agardaba despois dunha protesta previa na noite do domingo xuntar a segunda feira cando menos 20.000 persoas procedentes de distintas partes do territorio mais tamén da propia urbe, cunha das comunidades palestinas máis grandes do país. En paralelo, asegurou ao xornal The Guardian que a cifra final podería superar as 100.000 persoas.

O seu voceiro, Hatem Abudayyeh, ratificou que “temos que desempeñar o noso papel nas entrañas da besta para deter o xenocidio, pór fin á axuda estadounidense a Israel e apoiar Palestina”.

O certo é que, co acontecido en 1968 na memoria, algunhas empresas fecharon con táboas as xanelas e os xulgados anunciaron que ampliaron a área da que dispoñen en previsión de eventuais arrestos masivos.

Esta protesta xa protagonizou varias disputas entre a Coalición e as autoridades da cidade, ás que a Xustiza permitiu limitar a 1,6 km a ruta da mobilización, un percurso que, incidiu a primeira, non permitía acoller o volume de persoas agardado, subliñando que até o comezo da manifestación proseguirían intentando conseguir autorización para unha ruta máis longa.

Sexa como for, distintas agrupacións están detrás das protestas, polo que, aínda que a Coalición convocou manifestacións no primeiro e último día -a quinta feira- da Convención, anticípase que haberá actos de protesta todos os días do evento.

Ademais das accións na rúa, tamén no interior da Convención se desenvolven tentativas de evitar que a vicepresidenta e candidata demócrata, Kamala Harris, manteña a postura de Biden, con peticións dun embargo de armas ao réxime de apartheid sionista así como presión real para que asine un alto o fogo.

Ao respecto, o Movemento Nacional Non Comprometido, que logrou máis de 30 delegadas e delegados nas primarias demócratas, busca conseguir que unha persoa palestina-estadounidense ou de Gaza dedicada ao traballo humanitario poida intervir no escenario principal, asegurando que non prevé “interromper” os procedementos.

Pola súa parte, o colectivo Delegados contra o Xenocidio, que concentra 35 representantes das primarias, apuntou que aspira a emendar a posición demócrata sobre Palestina para que a formación apoie aplicar as leis que prohiben entregar axuda militar a quen perpetre graves violacións dos dereitos humanos.

Amais, o Exército dos Pobres programaba estabelecer a súa base no Humboldt Park, no noroeste de Chicago, para desenvolver un evento con dúas candidaturas ás presidenciais, a de Jill Stein (Partido Verde) e Cornel West (Xustiza para todos) e unha manifestación.

Empurrón a Harris

A menos de 80 días das eleccións presidenciais, nunhas votacións nas que tamén se renovará a Cámara de Representantes e un terzo do Senado, Harris trata de consolidar o impulso logrado tras a renuncia de Joe Biden á candidatura, sendo quen de acabar coa distancia nas enquisas que ostentaba o candidato republicano, o ex presidente Donald Trump.

A pesar de que xa resultou elixida aspirante do Partido Demócrata nunha votación virtual, unha designación que adoita ter un papel central na Convención, Harris aceptará oficialmente o nomeamento na súa intervención da quinta feira após unha votación “cerimonial” -detallou a formación-, un día despois de que fale o seu compañeiro de fórmula, o candidato á Vicepresidencia Tim Walz.

As principais referencias do partido, como os ex presidentes Bill Clinton e Barack Obama ou a ex líder da Cámara Baixa Nancy Pelosi, escenificarán no evento o seu apoio a unha Harris que pretende acabar de lexitimar a súa elección após a saída de Biden, un aspecto atacado por Trump, que considerou “amañada” a Convención posto que “ela non obtivo os votos” nas primarias organizadas polos demócratas, senón o actual mandatario.

Ao tempo, a campaña de Harris pivota até o de agora arredor da defensa do dereito ao aborto, que Trump propón deixar en mans de cada Estado, namentres adapta as súas posicións políticas á candidatura presidencial nun proceso que xa derivou nunha mudanza no tocante ao fracking -unha técnica de extracción de petróleo e gas natural criticada polos seus efectos contaminantes e relacionada co incremento dos terremotos-, que agora rexeita prohibir, e logo de suavizar a súa postura sobre o control de armas ou a pena de morte -que inicialmente censuraba-.

Neste sentido, a segunda feira todos os focos estaban postos en Biden, que afrontaba a súa despedida como líder de facto do Partido Demócrata nun discurso no que, adiantou a axencia AP, realizaría un traspaso “simbólico” a Harris, que elevou a confrontación directa con Trump aseverando que é un “covarde” e un “lunático” o domingo no último acto antes da Convención, culpándoo por basear a súa estratexia de campaña en denigrar as persoas que se lle opoñen.

Unha falta de respecto "desconcertante"

Respondendo un comunicado do Departamento de Estado estadounidense, a relatora especial da ONU para Palestina, Francesca Albanese, remarcou que “a falta de respecto pola vida palestina é desconcertante”, criticando que despois de confirmarse máis de 40.000 asasinatos en Gaza desde outubro a mans do réxime israelí “a atención segue centrada na seguridade de Israel, independentemente do que iso implique”. Nas conversas para un alto o fogo, Washington está a permitir que o Goberno de ultradereita israelí obstaculice o acordo.