O incendio que afecta a zona de Atenas cóbrase a súa primeira vítima mortal e o Executivo considérao controlado

Incendio nas inmediación de Atenas. (Foto: Socrates Baltagiannis / DPA vía Europa Press)
A oposición cuestiona a resposta ao fogo.

Despois de que o incendio declarado o domingo en Varnavas, unha localidade 32 km ao norte de Atenas, a capital grega, matara unha persoa, queimara máis de 40.000 hectáreas e máis dun centenar de casas, o ministro de Crise Climática e Protección Civil do Goberno conservador, Vassilis Kikilias, asegurou a terza feira que “non hai ningunha fronte activa, só puntos críticos dispersos”, destacando o “esforzo sobrehumano” de máis de 700 bombeiros para combater o lume e evacuar máis de 50.000 persoas.

Stefanos Kasselakis, líder da progresista Syriza, que encabeza a oposición, criticou a resposta do Executivo, incidindo en que “o pobo grego merece saber a verdade” sobre o operativo desenvolto para frear as lapas.

A primeira vítima mortal era unha muller de 62 anos que pereceu nun estabelecemento arrasado polo fogo. O corpo foi localizado no interior dunha fábrica de Vrilissia, nas aforas da capital de Grecia. "Non sei por que non se foi canda todos os demais", lamentou o propietario do negocio en declaracións a medios de comunicación locais.

O incendio que golpea a rexión de Ática comezou o domingo nas inmediacións do lago Maratón e estendeuse arrasando tamén ao seu paso varias vivendas. O servizo de vixilancia da Unión Europea (UE) elevou a máis de 10.000 as hectáreas calcinadas.

A UE tamén anunciou esta segunda feira o despregamento de medio aéreos e terrestres para contribuír nas tarefas de extinción, despois da activación por parte das autoridades gregas do Mecanismo de Protección Civil da UE.

Lume na rexión

As altas temperaturas na península balcánica, vinculadas co cambio climático producido principalmente polo uso de combustíbeis fósiles, tamén derivaron no anuncio dun incendio en Bosnia e Hercegovina, mentres que a fronteira entre Albania e Macedonia do Norte  arde desde hai unha semana.