O independentismo sae da Generalitat con ERC e Junts acusándose mutuamente até a última xornada

Pere Aragonès (ERC) e Salvador Illa (PSC-PSOE), durante unha xuntanza a sexta feira polo traspaso de poderes. (Foto: Govern de Catalunya)
Turull asegura que o ex president ía de camiño a Waterloo (Bélxica).

O presidente electo de Catalunya, Salvador Illa (Partit dels Socialistes, PSC-PSOE), reuniuse a sexta feira co mandatario saínte, Pere Aragonès (Esquerra Republicana de Catalunya, ERC), no Palau da Generalitat para abordar o traspaso de poderes, que segundo confirmaron fontes da forza estatal culminará o sábado coa toma de posesión de Illa.

Con posterioridade agárdase que o 133º president detalle os integrantes do seu Executivo, que nun primeiro momento será en solitario sen que fique descartada a entrada no futuro de ERC e Comuns Sumar, cuxo apoio levou Illa a acabar con case 14 anos ininterrompidos de Gobernos nacionalistas.

A mudanza no Executivo está marcada polo regreso do exilio do ex presidente e candidato de Junts nos comicios de maio, Carles Puigdemont, ao país após máis de seis anos e medio fóra. A pasada quinta feira, antes de iniciarse a sesión no Parlamento, ofreceu un discurso ante milleiros de persoas que se congregaran nun acto para recibilo.

Alí defendeu o dereito á autodeterminación e criticou os problemas de “natureza democrática” do Estado español, aludindo á negativa do Tribunal Supremo a implementar, entre outros, no seu caso a Lei de amnistía, un elemento determinante nos pactos de investidura que permitiron a Pedro Sánchez (PSOE) continuar na Moncloa, mantendo en vigor unha orde de detención na súa contra.

A pesar do amplo dispositivo policial, que causou retencións nas principais estradas catalás, para arrestalo, o ex presidente desapareceu despois da intervención e logrou evitar a captura nunha operación que, subliñou o ministro de Xustiza e Presidencia español, Félix Bolaños, estaba en mans dos Mossos d’Esquadra.

O comisario xefe da forza de seguridade catalá, Eduard Sallent, ofreceu a sexta unha rolda de prensa co conselleiro catalán de Interior saínte, Joan Ignasi Elena. “Non fixemos o ridículo”, asegurou Sallent, apuntando que “hai cousas que custa entender porque afectan á credibilidade dos Mossos” e acusou directamente Junts por intentar instrumentalizar o organismo para suspender a sesión de investidura de Illa, e a Puigdemont por non ter “unha actitude leal” cara ao corpo policial, descartando pactos para o arresto, que prevían efectuar nas inmediacións do acto.

Sallent xustificou non tratar de arrestar Puigdemont no escenario posto que “non é unha persoa que se dedique ao crime organizado”. Fontes policiais detallaron á prensa estatal que, despois da intervención, Puigdemont marchou por detrás, tapou a cabeza, canda Jordi Turull, secretario xeral de Junts, cun sombreiro de palla e acompañados de dúas persoas máis subiron a un Honda de cor branca, evadindo un dispositivo de máis de 300 axentes.

En paralelo, o comisario xefe sostivo que, “correndo”, “axentes perseguiron o vehículo de Puigdemont” -e que outros policías se viron freados por “un muro” de manifestantes-, mais acabaron por perdelo. Ademais de incidir en que renderán contas ao xuíz do Supremo Pablo Llarena, instrutor da causa polo proceso de autodeterminación catalá, que xa solicitou informes aos Mossos e ao Ministerio de Interior do acontecido, Sallent remarcou que tamén o deberían facer Turull e o avogado de Puigdemont, Gonzalo Boye, por ter “a vontade de dificultar a idoneidade da intervención”.

En referencia aos dous axentes detidos por colaborar con Puigdemont, o primeiro, propietario do vehículo no que o president evadiu o operativo, xa liberado, e o segundo aínda baixo custodia policial, definiunos como unha “afronta a todo o corpo”, facendo fincapé en que non son “unha policía patriótica”. Horas despois sería arrestado un terceiro axente.

Elena tamén arremeteu contra o ex president, aseverando que os Mossos non agardaban “un comportamento tan impropio” dun antigo líder do país, e contra Junts, inculpándoa de deslexitimar o Pleno “simplemente porque non lle gustaba o resultado final” e coa intención de equiparar ERC co españolismo. Á vez, lembrou que os Mossos están obrigados a cumprir cos mandatos xudiciais, criticando a “anomalía democrática” causada polo Supremo ao non aplicar a amnistía.

Tres días en Catalunya

Turull explicou a sexta feira que Puigdemont levaba en Catalunya desde a terza feira e ía camiño a Waterloo (Bélxica) e que o acompañou até a Catalunya Nord, situada no Estado francés, onde o secretario xeral de Junts sinalou que pasou a noite.

Tamén Boye ratificou que o ex mandatario estaba fóra do Estado español, algo que confirmou o portal VilaWeb, e trasladou que Puigdemont se dirixiría á cidadanía catalá, denunciando ao tempo que os Mossos o seguiron durante toda a quinta feira. Ademais, puxo de manifesto que os axentes detidos non cometeron ningún delito. “Semella que é o que me queren facer crer”, polo que “non descarto que este señor estea en Barcelona”, contestou Sallent.

Daniel Cornellà, deputado da Candidatura d’Unitat Popular (CUP), criticou a represión dos Mossos contra a mobilización independentista nas proximidades do Parlament, con agresións e lanzamentos de gas pementa, cualificando como “mentira” o suposto “nivel de violencia” que alegan os Mossos, que detiveron dúas persoas na protesta e denunciaron 19.

Puigdemont "non é Hannibal Lecter"

Desde Junts, o seu eurodeputado Antoni Comín criticou o Goberno saínte de ERC por colaborar “co golpe de Estado do Tribunal Supremo contra a vontade democrática do Congreso”, insistindo en que o compromiso de Puigdemont de asistir á investidura no Parlament foi imposíbel de cumprir polo “dispositivo delirante” dos Mossos, criticado por Turull ao carecer de “proporción” e “lóxica”. “Non é Hannibal Lecter”, resolveu.

Nese sentido, o ex conselleiro de Interior da Generalitat, Joaquim Forn (Junts), indicou que é sorprendente que non fose capturado malia un dispositivo desproporcionado e “pensado para casos moi extremos”, lembrando que a "Operación Gaiola" xa se activara en 2017 polos atentados terroristas no país.