Israel anuncia "pausas tácticas" ao longo dunha ruta no sur de Gaza para "facilitar a axuda"

Unha muller palestina camiña entre edificios destruídos polo exército israelí en Al-Qarara, Khan Yunis. (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa).
O Exército puntualizou que esta decisión non implica a suspensión das operacións militares.

As Forzas de Defensa de Israel (FDI) anunciaron a primeira hora deste domingo unha "pausa táctica con fins humanitarios", de carácter diario e de once horas de duración, ao longo dunha ruta polo sur de Gaza, sen que iso signifique o fin súas operacións militares no resto da zona, que continuarán

Esta "pausa", que terá lugar todos os días desde as 08.00 ás 19.00 horas e afecta a unha ruta que comeza no paso de Kerem Shalom, na fronteira con Exipto, e prosegue en dirección norte pola estrada de Saladino, rodeando a cidade de Rafah até o hospital Europeo, perto da cidade de Khan Yunis, segundo anunciou o Exército israelí nun comunicado.

"Para aumentar o volume de axuda humanitaria que entra en Gaza e despois de discusións adicionais a respecto diso coa ONU e organizacións internacionais, levarase a cabo unha pausa táctica local da actividade militar con fins humanitarios todos os días até novo aviso", informou o Exército israelí nunha publicación na súa conta da rede social X.

O fogo non cesa

Con todo, o portavoz do Exército israelí, Daniel Hagari, avisou de que esta decisión non implica "o cesamento dos combates no sur da Faixa de Gaza e os combates en Rafah continúan".

"Este é un paso adicional nos esforzos de axuda humanitaria que levaron a cabo desde o comezo da guerra as FDI e a Coordinación de Actividades Gobernamentais para os territorios de Judea, Samaria e a Faixa de Gaza", argumentaron as Forzas Armadas israelís, garantindo que "seguirán apoiando os esforzos humanitarios sobre o terreo".