A ONU inclúe Israel na lista de países que violan os dereitos das crianzas nos conflitos armados

"O noso exército é o máis moral do mundo", afimou en resposta o embaixador de Israel ante a ONU, Gilad Erdan.

Familiares choran o asasinato dun bebe en Gaza por parte de Israel. (Foto: Ali Hamad / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Familiares choran o asasinato dun bebe en Gaza por parte de Israel. (Foto: Ali Hamad / Zuma Press / ContactoPhoto)

A ONU notificou a Israel a súa inclusión na lista de países que violan os dereitos dos nenos e nenas en conflitos armados, informou o portavoz da Secretaría Xeral, Stéphane Dujarric.

Esta lista, que inclúe por primeira vez Israel, adxúntase ao informe anual que elabora a oficina do secretario xeral, António Guterres, sobre a situación dos nenos e nenas en conflitos armados e debe presentarse ao Consello de Seguridade o próximo 14 de xuño, explicou o portavoz.

Segundo a práctica habitual, entregarase unha copia anticipada aos membros do Consello nesa data e o informe publicarase oficialmente o 18 de xuño.

Despois, será discutido polos membros do Consello de Seguridade nun debate aberto previsto para o 26 de xuño. Dujarric subliñou que a confección da lista é "unha iniciativa" encargada anualmente polos membros do Consello de Seguridade seguindo "unha metodoloxía común".

Nesta lista apareceron anteriormente Rusia, Afganistán, Iraq, Myanmar, Somalia, Iemen e Siria, así como organizacións como o Estado Islámico, Al Qaeda ou Boko Haram.

Israel responde que o seu exército "é o máis moral do mundo"

"O noso exército é o máis moral do mundo, quen entra na lista negra é o secretario xeral, que fomenta o terrorismo e o odio a Israel. O secretario xeral debería avergoñarse de si mesmo!", escribiu o embaixador de Israel ante a ONU, Gilad Erdan, nunha publicación na rede social X.

Na actual invasión e ofensiva sobre Gaza, o Exército de Israel asasinou máis de 19.000 nenos e nenas.

Comentarios