Israel asasina dez persoas en Cisxordania mentres un ministro aposta por evacuar o territorio "do mesmo modo" que Gaza

O ministro israelí de Exteriores, Israel Katz. (Foto: Europa Press / Contacto / Lev Radin)
As Nacións Unidas (ONU) acusou Israel de violar os dereitos humanos en Cisxordania e reclamou que se depuren responsabilidades ao respecto.

O ministro de Exteriores israelí, Israel Katz, propuxo esta cuarta feira "evacuar temporalmente" Cisxordania da mesma maneira que Gaza co fin de "frustrar as infraestruturas terroristas" despois de que o Exército de Israel anunciara unha "operación de loita contra o terrorismo" no norte do territorio, que deixa xa unha decena de persoas asasinadas.

"Debemos abordar a ameaza do mesmo modo que abordamos a infraestrutura terrorista en Gaza, incluída a evacuación temporal dos residentes palestinos e calquera medida que sexa necesaria. Esta é unha guerra para todo e debemos gañala", manifestou Katz.

Katz fixo referencia á operación que desenvolve o Exercito israelí en Xinín e Tulkarem. "Irán está traballando para estabelecer unha fronte terrorista oriental contra Israel en Cisxordania, segundo o modelo de Gaza e Líbano, financiando e armando terroristas e facendo introducindo armas avanzadas desde Xordania", sostivo.

A canle Al Jazeera cualificou o ataque como “a maior incursión en case dúas décadas” en Cisxordania, e no que o Exército israelí asaltou o territorio palestino con centos de soldados e ataques aéreos nunha operación centrada nos campos de persoas refuxiadas de Al Faraa, Xinin e Shu'fat, na Xerusalén ocupada, así como en Tulkarem, que conta con dous campos de refuxiadas.

Fontes palestinas informaron da morte de 10 persoas palestinas nos ataques israelís froito de disparos directos sobre a cidadanía e de bombardeos con drones sobre vehículos e campamentos de persoas refuxiadas.

Kamal Abu al-Rub, gobernador da rexión de Xinin, denunciou que os militares sionistas rodearon a cidade, bloquearon os accesos á localidade e aos hospitais e destruíron infraestrutura do campo de refuxiados. Ao tempo, en al Faraa atacaron un centro médico.

As operacións do Exército de Israel e os ataques de colonos israelís en Cisxordania e Xerusalén Leste deixou máis de 640 persoas palestinas mortas desde que a intensificación do conflito a raíz do asedio comezado sobre a Faixa de Gaza, onde xa se contabilizan máis de 40.400 mortes desde aquel momento.

A ONU acusa Israel de violar os dereitos humanos en Cisxordania

As Nacións Unidas (ONU) acusou Israel de violar os dereitos humanos en Cisxordania e reclamou que se depuren responsabilidades ao respecto, incidindo en que a operación lanzada esta cuarta feira ameaza con "empeorar gravemente unha situación que xa é catastrófica".

A ONU corrobora as cifras de 640 persoas falecidas en Cisxordania e Xerusalén Leste, sexa pola actividade do Exército ou dos colonos israelís. Neste sentido, sinala que desde que a organización comezou hai dúas décadas a recoller datos, nunca antes se rexistraran unhas cifras tan altas.

O docente de asuntos internacionais na Universidade de Qatar Hassan Barari debullou que “os israelís cren que esta é unha oportunidade de ouro para utilizar algunhas tácticas usadas en Gaza sen control” e avanzar no seu obxectivo de facerse co control total da zona e expulsar o pobo palestino. Todo isto co aval do seu principal aliado e provedor de armas, os Estados Unidos.

En paralelo, en Gaza Israel continuou coa vaga de ataques das últimas semanas en contra de escolas utilizadas como refuxio. Nunha deles matou onte como mínimo oito persoas após atacala con artillaría pesada.