Israel bombardea de novo Gaza

palestina

Culpa a Hamás das hostilidades por non aceptar a proposta exipcia para un alto ao fogo mais fontes da organización islámica din non ter recibido formalmente a iniciativa enviada desde o Cairo. 

 

A información é confusa desde o comezo da mañá mais os bombardeos volveron a Gaza. De feito, 6 persoas foron asasinadas en Palestina pola aviación israelí entre as 08:00 e 09:00 a.m (hora galega), segundo informan diversas axencias de noticias. 

Neste senso, o alto ao fogo proposto por Exipto fica roto. Israel atribúe agora a responsabilidade dos ataques á negativa de Hamás e a Yihad Islámica a frear o lanzamento de foguetes. Porén, fontes da súa dirección afirman non ter recibido a proposta enviada desde O Cairo antes do anuncio do cesamento das hostilidades. 

Israel podería estar a responsabilizar Hamás da ruptura do alto ao fogo para xustificar o mantemento das súas agresións

"Nós non temos nada, non recibimos ningún papel, non nos importa o que Israel decidira", afirmou Sami Abu Suhri, portavoz de Hamás, en declaracións á axencia EFE, ao tempo que acrecentou, "faremos o que sexa necesario para seguir protexendo o pobo". Se ben a comezo da mañá foron difundidas declaracións doutros integrantes de ambas as dúas formacións nas que insistían en negociar previamente as condicións do alto ao fogo e as demandas do pobo palestino perante unha eventual tregua que tampouco Israel chegou a cumprir. 

Tel Aviv aminorou o número de bombardeos mais non os freou. 

Israel podería estar a seguir esta estratexia para xustificar os seus ataques contra a poboación palestina que suman máis de 180 mort@s, o 80% recoñecid@s como civís polas Nacións Unidas. 

"Despois de que Hamás e a Yihad Islámica rexeitaran a proposta de Exipto para un alto ao fogo e disparasen decenas de foguetes contra Israel, Netanyahu e o ministro de defensa, Moshe Yaalon, ordenaron ao exército atacar os obxectivos terroristas en Gaza", afirmou unha voceira militar en Xerusalén.