A información é confusa desde o comezo da mañá mais os bombardeos volveron a Gaza. De feito, 6 persoas foron asasinadas en Palestina pola aviación israelí entre as 08:00 e 09:00 a.m (hora galega), segundo informan diversas axencias de noticias.
Neste senso, o alto ao fogo proposto por Exipto fica roto. Israel atribúe agora a responsabilidade dos ataques á negativa de Hamás e a Yihad Islámica a frear o lanzamento de foguetes. Porén, fontes da súa dirección afirman non ter recibido a proposta enviada desde O Cairo antes do anuncio do cesamento das hostilidades.
Israel podería estar a responsabilizar Hamás da ruptura do alto ao fogo para xustificar o mantemento das súas agresións
"Nós non temos nada, non recibimos ningún papel, non nos importa o que Israel decidira", afirmou Sami Abu Suhri, portavoz de Hamás, en declaracións á axencia EFE, ao tempo que acrecentou, "faremos o que sexa necesario para seguir protexendo o pobo". Se ben a comezo da mañá foron difundidas declaracións doutros integrantes de ambas as dúas formacións nas que insistían en negociar previamente as condicións do alto ao fogo e as demandas do pobo palestino perante unha eventual tregua que tampouco Israel chegou a cumprir.
Tel Aviv aminorou o número de bombardeos mais non os freou.
Israel podería estar a seguir esta estratexia para xustificar os seus ataques contra a poboación palestina que suman máis de 180 mort@s, o 80% recoñecid@s como civís polas Nacións Unidas.
"Despois de que Hamás e a Yihad Islámica rexeitaran a proposta de Exipto para un alto ao fogo e disparasen decenas de foguetes contra Israel, Netanyahu e o ministro de defensa, Moshe Yaalon, ordenaron ao exército atacar os obxectivos terroristas en Gaza", afirmou unha voceira militar en Xerusalén.