Israel volve rexeitar unha proposta de alto o fogo na Faixa de Gaza

Crianza asasinada por Israel no centro da Faixa de Gaza, a cuarta feira. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto)
A OMS denuncia a morte de bebés pola fame.

Un alto cargo da organización palestina Hamás, Osama Hamdan, transmitiu a cuarta feira que o Goberno de ultradereita israelí brindou unha contestación “negativa” á última proposta de cesamento de hostilidades en Gaza do grupo, que inclúe un intercambio de persoas presas, “e non respondeu ás demandas do noso pobo”, como o retorno das palestinas e palestinos desprazados e a retirada das tropas sionistas da Faixa.

Con anterioridade, Ismail Haniyeh, líder de Hamás, acusou Israel de lanzar un novo asalto ao hospital al Shifa de Gaza, no que asasinou 90 persoas, para “sabotar” as conversas.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) relatou que desde o comezo da agresión militar israelí as instalacións sanitarias de Gaza foron atacadas en máis de 400 ocasións.

Desde outubro, Israel asasinou case 32.000 persoas no enclave. En paralelo, obstaculiza calquera esforzo para entregar axuda humanitaria, causando unha fame masiva. Os bebés que “acaban de nacer simplemente morren porque teñen un peso demasiado baixo”, narraron os equipos da OMS no terreo.