Kamala Harris abafa Donald Trump no debate presidencial

Espectadores seguen o debate presidencial entre Donald Trump e Kamala Harris. (Foto: Europa Press / Contacto / Brian Cahn)
A candidata demócrata e aspirante á Casa Branca tras a renuncia de Joe Biden mantívose firme  fronte a un ex presidente acurralado e á defensiva.

Kamala Harris logrou o seu obxectivo: incomodar a Donald Trump e desarmar o seu ataque, favorecendo a imaxe dun candidato por veces absurdo e enleado nas súas propias mentiras.

Desde o saúdo inicial, que a candidata demócrata provocou minutos antes de que comezase o debate, Harris descolocou o seu contrincante co seu discurso mais tamén co seu xesto, que se tornou chave nunha disputa que mantivo os micrófonos fechados ao final de cada intervención para permitir unha réplica sen interrupcións.

Oratoria fronte a mentiras

Kamala Harris fixo valer a súa experiencia como fiscal para exhibir a súa oratoria e frear o Trump máis imprevisíbel e agresivo, logrando expoñer as súas propias contradicións en asuntos como o aborto, o asalto ao Capitolio, inmigración ou política exterior.

O candidato republicano tirou de embustes para contrarrestar a firmeza de Harris, que non dubidou en sinalar as mentiras de Donald Trump, como tamén fixeron os presentadores da ABC News, a diferenza do ocorrido durante o debate do pasado mes de xuño entre Biden e Trump que desencadeou a saída do primeiro.

Entre outras mentiras e afirmacións enganosas, Trump acusou os demócratas de permitir "abortos con nove meses e de recén nacidos"; sinalou as persoas migrantes, a quen acusou, tamén, de "comer cans, gatos e mascotas" e volveuse referir ás eleccións de 2020 que o afastaron da Casa Branca. "Ningún xuíz mirou" as demandas que el e os eu equipo presentaron por irregularidades neses comicios, dixo, cando a xustiza estimou que as probas presentadas eran especulativas ou non demostraban a existencia de fraude. 

Programa político

O ex presidente de Estados Unidos Donald Trump e a vicepresidenta, Kamala Harris, acusáronse mutuamente na madrugada desta cuarta feira de "non ter un plan" para o país durante o debate presidencial que tivo lugar na canle de televisión ABC News de cara ás eleccións do 5 de novembro.

Mentres que Harris asegurou que Trump só pretende "baixar os impostos aos ricos" mentres que o magnate afirmou que a candidata demócrata de "copiar" a política de "catro frases" do actual presidente, Joe Biden, cuxa xestión deixou a "maior taxa de inflación" da historia do país, un dos datos cuestionados polos analistas de ABC News.

Tras iso, Trump destacou que a súa Administración logrou unha das taxas de inflación máis baixas de Estados Unidos, e defendeu as súas políticas mesmo respecto a a xestión da pandemia de Covid-19, que deixou miles de mortos no país.

Harris, pola súa parte, afirmou que pretende mellorar a situación da clase media e traballadora, centrándose nas familias novas e nos altos prezos dos alugueiros da vivenda.

"O mellor debate da miña vida"

De igual forma criticou o legado de Trump: "Deixounos os peores datos de desemprego desde a Gran Depresión. Donald Trump deixounos a peor epidemia pública nun século. Donald Trump deixounos o peor ataque á nosa democracia desde a Guerra Civil. E o que fixemos é limpar o desastre de Donald Trump. O que fixemos e o que pretendo facer é construír sobre o que sabemos".

As primeiras enquisas tras o debate apuntan unha vitoria cómoda de Kamala Harris que Trump se negou admitir asegurando que o desta madrugada foi o mellor debate da súa vida "porque eran tres contra un".