Estados Unidos

O Partido Demócrata ratifica a candidatura de Kamala Harris: "Estados Unidos está listo para unha historia mellor"

A candidata do Partido Demócrata á Presidencia dos EUA, Kamala Harris, e o seu compañeiro de papeleta, Tim Walz, esta terza feira, en Milwaukee. (Foto: Mark Hertzberg / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press)

Figuras de especial relevancia no partido como o ex presidente Barack Obama apoiaron na Convención Demócrata a aspirante á Presidencia, que aceptou formalmente a encomenda desde Milwaukee, onde participou nun acto de campaña xunto ao seu compañeiro de fórmula, Tim Walz.

O Partido Demócrata escenificou na tarde desta terza feira a súa unión arredor da candidatura ás eleccións presidenciais de novembro que encabeza a actual vicepresidenta dos Estados Unidos, Kamala Harris, co gobernador de Minnesota, Tim Walz, como compañeiro de fórmula. Nun acto festivo que constituíu un mero trámite, pois Harris xa fora designada candidata o pasado 7 de agosto, as e os representantes de cada Estado ratificaron a composición da papeleta demócrata após a renuncia á carreira presidencial de Joe Biden.

"É unha honra ser a vosa candidata. Esta é unha campaña impulsada pola xente e xuntas trazaremos un novo camiño cara adiante. Un futuro de liberdade, optimismo e fe. Así que, a todos os que estades en Chicago, e a todo Estados Unidos, grazas", declarou Harris nun mitin de campaña en Milwaukee (Wisconsin), a uns 130 quilómetros de Chicago (Illinois), onde decorre estes días a Convención Nacional Demócrata.

Alí, o ex presidente Barack Obama celebrou que Biden cedese o paso a Harris e asegurou que o seu mandato será lembrado "por defender a democracia nun momento de gran perigo". "Estados Unidos está listo para este novo capítulo. Estados Unidos está listo para unha historia mellor. Estados Unidos está listo para que Kamala Harris sexa presidenta. E Kamala Harris está preparada para este traballo", salientou.

Obama aproveitou a súa quenda para pedir unha asistencia masiva ás urnas e cargar de paso contra o tamén ex presidente e de novo candidato do Partido Republicano, Donald Trump, "un multimillonario de 78 anos que non deixou de queixarse dos seus problemas desde que baixou pola súa escaleira mecánica dourada" e que enxalzou, dixo, "absurdas teorías da conspiración".

O ex presidente Barack Obama, esta terza feira, na Convención Nacional Demócrata. (Foto: Annabelle Gordon / Zuma Press / ContactoPhoto vía Europa Press)

Previamente interveu no acto a ex primeira dama Michelle Obama, quen ve a actual vicepresidenta "máis que preparada para este momento", pois é, ao seu xuízo, "unha das persoas máis cualificadas que xamais aspiraron á Presidencia, e unha das máis dignas".

Nesta segunda xornada da Convención Demócrata participaron tamén outros dirixentes de gran relevancia no partido como o líder da maioría demócrata no Senado, Chuck Schumer, ou o senador indpendente por Vermont Bernie Sanders, así como algúns republicanos que se afastaron de Trump como Stephanie Grisham, Kyle Sweetser ou John Giles.