VÍDEO | Nicolás Maduro promete que respectará os resultados electorais e pide ao resto de candidaturas que fagan o mesmo

Cartel electoral de Nicolás Maduro (Foto: Europa Press / Contacto / Jimmy Villalta).
O presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, depositou xa o seu voto nas eleccións presidenciais deste domingo coa promesa de que respectará a "palabra santa" da comisión electoral.

O presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, depositou xa o seu voto nas eleccións presidenciais deste domingo coa promesa de que respectará a “palabra santa” da comisión electoral cando anuncie o resultado dos comicios.

Así o fixo, antes de pedir ao resto dos 10 candidatos á Presidencia que fagan o mesmo, que anuncien e prometan que van respectar o resultado que as votacións do pobo venezolano arroxen ao final desta xornada de contenda electoral.

 

 

“Ninguén levará Venezuela ao caos, para iso temos un árbitro electoral. Eu, Nicolás Maduro, comprométome a respectar o árbitro electoral e invito a todos os partidos a que respecten o órgano xestor”, manifestou o presidente venezolano.

Maduro insistiu en que o que diga o Consello Nacional Electoral de Venezuela será recoñecido e “defendido” polas autoridades. “Hai que respectar o árbitro electoral, e recoñezo e recoñecerei os boletíns e farei que se respecten. Palabra santa a do árbitro electoral”, subliñou.

Unha vitoria de Edmundo González, o principal contendente de Maduro nestes comicios, abriría as portas do Palacio de Miraflores á oposición 25 anos despois do triunfo da revolución bolivariana de Hugo Chávez, quen desde aquel entón gobernou Venezuela durante 14 anos, até a súa morte en 2013, cando foi sucedido polo actual presidente.

21 millóns de persoas chamadas a votar

Máis de 21 millóns de venezolanas e venezolanos deciden o domingo se outorgan a reelección ao progresista Nicolás Maduro (Gran Polo Patriótico Simón Bolívar) ou se apostan polo conservador Edmundo González (Plataforma Unitaria Democrática).

Trátase das eleccións máis disputadas desde que Hugo Chávez se impuxo nos comicios de 1998. Esta contenta electoral determinará se o seu movemento socialista e soberanista prosegue a súa implementación tras superar os momentos máis complicados hai un lustro ou se as antigas elites derrotadas por Chávez recuperan o control do Estado.