"Aquí non se rende ninguén": O independentismo toma a rúa na Diada e ratifica que a loita non rematou

Manifestación en Barcelona a cuarta feira. (Foto: ANC)

As Policías locais estiman 73.500 persoas.

A estació de França en Barcelona, a Gran Vía de Jaume I en Girona, o passeig de les Palmeres en Tarragona, a avinguda de Catalunya en Lleida e a plaça del Bimil·lenari de Tortosa foron os lugares elixidos para a mobilización unitaria e descentralizada pola Diada Nacional de Catalunya das forzas independentistas, que xuntaron a cuarta feira 73.500 persoas segundo as Policías locais nas manifestacións -concentración no caso de Girona-, a meirande parte en Barcelona (60.000), nunhas cifras consideradas "moi por baixo da realidade" pola organización.

Baixo o lema ‘Volvemos ás rúas’ en cada unha destas localidades se denunciaron diversos aspectos do “espolio continuado” do Estado español nos actos impulsados pola Assemblea Nacional Catalana (ANC), Òmnium Cultural, o Consell de la República, a Intersindical-CSC, os Comitès de Defensa de la República (CDR), o Centre Internacional Escarré per les Minories Ètniques i les Nacions (Ciemen) e a Associació de Municipis per la Independència (AMI).

Na capital demandouse garantir o dereito a unha vivenda digna e accesíbel, criticando o veto estatal á lexislación neste sentido aprobada en Catalunya. Namentres, en Girona o eixo foi o “espolio fiscal” que lastra o sistema sanitario catalán e en Tarragona as deficiencias do tren de proximidade e a carencia dun corredor mediterráneo, un proxecto que aínda non se completou logo de que os Gobernos españois outorgasen prioridade ás conexións ferroviarias a través de Madrid.

Xa en Lleida, a defensa do papel das labregas e labregos como “estrutura de Estado” foi o pivote arredor da manifestación, e en Tortosa, no sur de Catalunya, cuestionouse o “espolio da auga”.

A mobilización demostrou que “o independentismo é forte, transversal, intelixente, e que aquí non se rende ninguén”, remarcou a organización na lectura do manifesto conxunto nas cinco localidades, nun texto que critica os partidos independentistas polas “discusións cainitas” que levaron á perda da Generalitat.

A xornada comezou no centro de Barcelona coa ofrenda floral na estatua de Rafael Casanova, cunha afluencia menor que en ocasións anteriores. Ademais das institucións, lideradas por Salvador Illa (Partit dels Socialistes, PSC-PSOE), que viviu a súa primeira Diada como novo president; Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Junts e forzas internacionais convidadas, como EH Bildu ou o Bloque Nacionalista Galego (BNG), fixeron cadansúa ofrenda.

Por distintos motivos non asistiron ao acto a Candidatura d’Unitat Popular (CUP), o Partido Popular (PP) e as ultradereitistas Aliança Catalana (AC) e Vox. Si participaron organizacións culturais do territorio, como Òmnium Cultural, así como dos Països Catalans, como a Obra Cultural Balear e Acció Cultural del País Valencià, ou equipos deportivos, como o Futbol Club Barcelona ou o Reial Club Deportiu Espanyol de Barcelona.

Manifestación en Tarragona a cuarta feira. (Foto: Laia Solanellas / Europa Press)

Amais do aspecto máis reivindicativo do día nacional catalán, na xornada festiva tamén se desenvolveron actos institucionais a todos os niveis -tamén nos días anteriores- ao longo do país, e espazos como o Palau da Generalitat, o Parlament, o Palau Güell, o Institut Cartogràfic i Geològic ou o Museu Nacional d'Art de Catalunya desenvolveron unha xornada de portas abertas.

Neste sentido, os múltiples concertos e eventos da xornada, como a 22ª Festa per la Llibertat de Ómnium, tiveron o seu colofón a partir das 10 da noite, cando comezou nas Fonts de Montjuïc, en Barcelona, o acto institucional nacional da Diada, con case unha decena de artistas musicais, e que incluíu poesía ou traballos audiovisuais co lema ‘Sentir Catalunya’ como fío condutor.

Así e todo, xa a noite anterior se vivira un dos actos que marcan a chegada da Diada, a ofrenda floral no Fossar de les Moreres en Barcelona, a fosa común na que foron soterradas as persoas que faleceron defendendo a cidade no sitio do 1714 por parte das tropas dos Borbóns. A derrota militar do 11 de setembro dese ano supuxo a destrución das institucións catalás e a consolidación da familia francesa no trono, no que aínda permanece por medio do seu herdeiro Felipe VI.

Neste lugar grupos antifascistas irromperon para tratar de evitar a ofrenda floral de AC, e tamén foi asubiada a representación de ERC entre gritos de “traidores”, logo de apoiar a investidura de Illa a cambio -entre outros- dun sistema de financiamento singular para Catalunya.

Tamén esa noite se emitiu o tradicional discurso da persoa que ocupa a Presidencia catalá. Sen abordar o referente á lingua ou ao novo modelo de financiamento, Illa sostivo na intervención que “Catalunya é e ten que ser un proxecto colectivo que nos vincule a todos e a todas sen distinción”, defendendo que os servizos públicos “recuperen a excelencia” e o país como “terra de acollida e terra solidaria”.

Asemade, asegurou que “unha nación próspera e xusta para todo o mundo constrúese de verdade nas aulas, nos centros de atención primaria, nas bibliotecas, nos centros de xente maior e nas rúas e prazas duns barrios seguros”.

Malia recuperar o independentismo a súa presenza na rúa, que fora decaendo após a represión estatal polo referendo de autodeterminación de 2017, a nivel político a fenda, especialmente entre Junts -e unha porción relevante das entidades independentistas como a ANC- e ERC, é cada vez maior.

Ademais dos apupos contra as e os seus representantes, unha quincena de activistas anarquistas interromperon o seu acto para exixir a liberación de Abel Mora, acusado de agredir unha persoa relacionada coa extrema dereita despois dunha manifestación do sindicato policial Jusapol en 2018, e ao que a Xustiza española denegou a amnistía.

Con todo, boa parte das críticas na xornada dirixíronse contra Salvador Illa, ao que o presidente da ANC, o cantautor Lluís Llach, culpou de “continuar esfaragullando a nación” nun acto previo á mobilización, incidindo en que “temos moitísimo traballo” de cara á independencia.

A clave da xornada, o Goberno españolista

O director de VilaWeb, Vicent Partal, detallou a Nós Diario que a chave principal do día é que “é a primeira vez en moitos anos que hai un Goberno españolista, e iso provoca un cambio de situación que xa veremos en que se traduce”.

Á vez, subliñou antes do inicio da mobilización que “a sensación é que haberá unha resposta importante na rúa a este Goberno”, apuntando que o punto clave é se “o groso de manifestantes corresponde ao que se agarda” ou supera as expectativas. Tamén indica que a Diada chegou coa "cuestión de ERC no medio".