A Xustiza española blinda os crimes franquistas á vez que veta a amnistía a Puigdemont

Un auto do Constitucional español xustificou ignorar a Lei de memoria democrática de 2022.
Protesta con imaxes de vítimas da ditadura durante a declaración de Julio Pacheco ante a Xustiza española en setembro de 2023. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Protesta con imaxes de vítimas da ditadura durante a declaración de Julio Pacheco ante a Xustiza española en setembro de 2023. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A terza feira fechouse o que Amnistía Internacional definira como a “primeira fenda no muro de impunidade dos crimes do franquismo”, ao transcender que Ana María Iguácel, xuíza do Xulgado de Instrución 50 de Madrid, arquivou a causa polas torturas perpetradas por varios policías contra o comunista e militante antifranquista Julio Pacheco.

O ex comisario da Policía española José Manuel Villarejo e os seus compañeiros José María González Reglero, Álvaro Valdemoro e José Luis Montero foran acusados por torturar Pacheco durante sete días en agosto de 1975 logo dunha operación contra a resistencia á ditadura de extrema dereita. Todos recibiron 25.000 pesetas de recompensa.

Diante del torturaron Rosa María García, unha compañeira de loita e testemuña na causa, para obter información. Outro dos acusados polas vítimas era Juan Antonio González Pacheco, ‘Billy el Niño’, que xa morrera cando hai un ano por primeira vez un Xulgado español escoitou unha vítima do franquismo após admitir por primeira vez a trámite unha denuncia neste sentido.

Na resolución, Iguácel xustifica a decisión en que os delitos prescribiron. Porén, baseou o auto nunha decisión do Tribunal Constitucional (TC)  en xuño. Nesa ocasión, o órgano xudicial, no que en teoría as maxistradas e maxistrados progresistas son maioría, volveu validar que os tribunais arquiven sen practicar ningunha investigación as denuncias por violacións dos dereitos humanos no franquismo. Máis dun centenar de querelas sufriron esa sorte.

Nese auto, cuxo responsábel foi o ex fiscal xeral español durante o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero (PSOE) e actual presidente do TC, Cándido Conde-Pumpido, rexéitase aplicar a Lei de memoria democrática de 2022, que deixa claro que a normativa estatal ten que ser interpretada en base ao dereito internacional, especialmente ao dereito internacional humanitario -referente aos conflitos armados-, “segundo o que os crimes de guerra, de lesa humanidade, xenocidio e tortura teñen a consideración de imprescritíbeis e non amnistiábeis”.

Porén, o TC asegurou que a norma de memoria democrática non permite, pola indefinición dos delitos e das súas penas, estes axuizamentos, alegando que a Lei de amnistía de 1977, que garante a impunidade polos crimes do franquismo, o impide, e cuestionando tamén a “insuficiencia das normas” neste sentido do dereito internacional. Ademais, defendeu que non se poden xulgar crimes contra a humanidade deste período posto que esta figura “non existía no noso ordenamento xurídico”, no que entrou en 2004.

Hai máis dunha década que o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos reclamou ao Estado español a derrogación da Lei de amnistía por violar o dereito internacional.

O avogado de Pacheco, Jacinto Lara, da Coordinadora estatal de apoio á querela arxentina contra os crimes do franquismo (Ceaqua), xa confirmou que recorrerá o auto, e a entidade, nun comunicado conxunto con Amnistía Internacional, Irídia e o Centro Sira, ironizou con que a pesar da claridade da norma de memoria vixente isto non “é suficiente” para o TC, e incidiu en que “a responsabilidade no referente ao mantemento deste marco de impunidade é compartida polos tres poderes do Estado e de nada serve pór o foco, única e exclusivamente, no poder xudicial”.

En paralelo, outro órgano do sistema xudicial español -controlado polos conservadores-, o Tribunal Supremo (TS), rexeitou da man do maxistrado Pablo Llarena os recursos á súa decisión de non aplicar a Lei de amnistía de 2024 ás persoas independentistas catalás represaliadas polo Estado, presentados pola Fiscalía, a Avogacía do Estado, o ex president Carles Puigdemont e os ex conselleiros Antoni Comín e Lluís Puig, os tres de Junts.

O enriquecemento non é "aumento de riqueza"

Llarena insistiu en que cometeron malversación para enriquecerse persoalmente, sostendo que o uso de fondos públicos para a organización do referendo de autodeterminación catalán de 2017 implicou un “propósito de obter un beneficio persoal de carácter patrimonial”, unha das exclusións recollidas na lexislación, aseverando que este tipo penal non ten que implicar un “aumento de riqueza”. A única parte na causa que avala o argumento de Llarena é a ultraespañolista Vox.

“O mesmo día no que España contradí o dereito internacional humanitario e decide manter impunes os crimes do franquismo, resolve que non se nos pode aplicar a amnistía”, reaccionou Puigdemont, que engadiu que “para manter as tradicións españolas isto volvémolo saber pola prensa”.

Agora os seus recursos, que subliñan que a decisión de Llarena é ilegal, pasan á Sala de Apelación do TS, paso previo a unha demanda de amparo perante o TC.

O TS está pendente de resolver outro dos movementos xudiciais para evitar que a amnistía se aplique a Puigdemont, a denominada ‘trama rusa’, un caso no que está tamén implicado o ex president Artur Mas (Convergència i Unió) ou o deputado de Junts no Parlament Francesc de Dalmases. Aínda que a Audiencia de Barcelona ordenou ao xuíz Joaquín Aguirre fechar o caso por prorrogalo sen xustificación, abriu unha causa separada e pediu ao Supremo que os investigara por traizón, malversación e organización criminal.

A amnistía, recorrida polo Partido Popular (PP) e varias autonomías no TC, foi aplicada até o de agora a pouco máis dun centenar de persoas, boa parte delas policías acusados de reprimir as persoas que participaban no referendo de autodeterminación.

A ANC busca reactivar a mobilización independentista na Diada

Despois da perda da Generalitat e no medio da pugna de cara ao proceso congresual de Esquerra Republicana (ERC) e entre a formación e Junts, o independentismo catalán busca volver mobilizar a poboación na Diada Nacional de Catalunya da cuarta feira, na que a Assemblea Nacional Catalana (ANC), Òmnium Cultural, o Consell de la República, a Intersindical-CSC, os Comitès de Defensa de la República (CDR), o Centre Internacional Escarré per les Minories Ètniques i les Nacions (Ciemen) e a Associació de Municipis per la Independència (AMI) se uniron para impulsar un mobilización descentralizada.

Barcelona, Tarragona, Girona, Lleida e Tortosa foron as localidades elixidas, nas que cada una denunciará distintos agravios que padecen por pertencer ao Estado español, todo isto ligado ao “espolio continuado que sofre Catalunya”, sinala a organización.

A véspera estivo marcada por unhas declaracións do presidente da ANC, Lluís Llach, nas que abriu a porta a participar na mobilización á ultradereitista Aliança Catalana (AC), que vén de entrar no Parlament. Posteriormente, a entidade remarcou nun comunicado que “non é benvida”.

Asemade, Junts arremeteu contra ERC no seu manifesto pola Diada por permitir a investidura -a cambio dun modelo de financiamento equiparábel a un concerto económico, entre outros- de Salvador Illa (Partit dels Socialistes, PSC-PSOE) como presidente catalán. Mentres, en ERC intensificouse a disputa dos sectores liderados por Oriol Junqueras e Marta Rovira a conta dos carteis alusivos á familia Maragall.

Comentarios