Rueda admite que criticou o informe do Consello da Cultura Galega sobre Altri sen lelo

O presidente galego recoñeceu esta segunda feira “non ler máis aló das informacións xornalísticas”.

Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza, esta segunda feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza, esta segunda feira. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, mostrou a súa "sorpresa" porque o Consello da Cultura Galega considere como "proritaria" a elaboración dun informe sobre o proxecto de Altri na comarca da Ulloa, un documento que o mandatario galego recoñeceu  que non leu máis aló das informacións xornalísticas ao respecto.

A preguntas dos medios na comparecencia ante os medios posterior á reunión semanal do seu Goberno, o presidente galego sinalou esta segunda feira que non vai entrar no contido do informe presentado a semana pasada porque, como admitiu, non o leu "na súa totalidade", aínda que recalcou a súa "sorpresa" e a de "bastante xente" polo obxecto do estudo que cuestiona a idoneidade do proxecto por parte da institución.

Rueda remarcou a súa "sorpresa" polo tema elixido e polo feito de que fose presentado en comparecencia ante os medios. "A min sorprendeume e tamén creo que o Consello da Cultura Galega ten que entender que, igual que teñen liberdade para tomar as súas decisións sobre os proxectos que levan a cabo, tamén todo o mundo ten liberdade para sorprenderse ou criticar o seu resultado", engadiu.

Neste sentido, e tras afirmar que "algunhas conclusións" do estudo "desmontan algunhas" das críticas ao proxecto de Altri "dos que se opoñen a diario a todo", o presidente apuntou que a entidade que preside Rosario Álvarez "terá as súas razóns poderosas para considerar que, entre as moitas cousas que pode facer" elaborar un informe sobre a iniciativa empresarial da multinacional portuguesa "sexa prioritaria".

Ademais, considerou que debe ser o Consello da Cultura Galega quen dea explicacións sobre a "calidade" dos datos achegados ou a "parcialidade" e os "posíbeis vínculos" das persoas expertas que participaron na elaboración do documento.

Ofertas de traballo para mina de Touro

Tamén se referiu, a preguntas das xornalistas, sobre o proceso de procura de persoal iniciado a pasada semana por Cobre San Rafael para o seu proxecto mineiro nos municipios do Pino e Touro (comarca de Arzúa), pendente aínda de autorización autonómica para a súa posta en marcha.

Rueda defendeu que a "política das empresas é unha cousa e a política da Xunta respecto ao exame das solicitudes e a súa autorización, é outra", polo que incidiu en que a Administración galega “guíase” polo que ten "que facer", que é "avaliar as peticións e, se cumpren, darlles para adiante".

"Se as empresas están a facer outros movementos en previsión de que poidan ter autorización haberá que preguntarlles a elas", engadiu antes de valorar que exista a "expectativa" deses postos para "moita xente que quere traballar e que está a favor que se instalen industrias" en Galicia.

"A anticipación ou non, non é cousa da Xunta. O que podo dicir é que se cumpren serán autorizadas, se non, en ningún caso o serán", concluíu.

Comentarios