O BNG critica ao xefe de informativos da Radio Galega polo seu comentario respecto do informe do Consello da Cultura sobre Altri

O BNG reclama explicacións sobre o comentario do xefe de informativos da Radio Galega, Alberto Varela, a pasada sexta feira no programa da canle pública 'Galicia por Diante' respecto do informe do Consello da Cultura da Galega sobre Altri.

olalla xunta de portavoces copia
photo_camera Olalla Rodil comparecendo no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario).

A viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil acusou este sábado ao Partido Popular de querer facerse co dominio absoluto dos medios de comunicación públicos mediante o anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza que a Xunta impulsou o pasado mes de xullo.

Rodil avanzou que "pedirémoslle ao PP no pleno do Parlamento a retirada do anteproxecto de lei da CRTVG", dándolle voz ás organizacións e colectivos sociais que, desde que se coñeceu o texto da lei veñen reclamando a súa retirada.

Supón un enorme retroceso democrático" e un "asalto" á radio e a televisión públicas de Galiza para que o PP "siga instrumentalizando e poñendo ao seu servizo como se se tratase do seu terminal de propaganda", aseverou Rodil.

A deputada nacionalista adiantou que vén de rexistrar unha pregunta sobre a actitude dun directivo da Radio Galega que, despois da presentación do estudo do Consello da Cultura Galega sobre o impacto de Altri no concello de Palas de Rei cuestionou que esta institución pública tivese lexitimidade para emitir un informe.

"Non sabemos se por ignorancia ou directamente mala fe" asegurou Rodil, quen considera que tiña a "a intención de menosprezar e atacar un informe elaborado por unha institución estatuaria e por persoas de recoñecido prestixio académico e profesional".

Rodil denunciou “a falta de pluralidade nos espazos de opinión na CRTVG especialmente nos faladoiros da Radio Galega, onde é evidente, e cada vez máis palmario, que non se atopa representada neles, pola súa composición, a diversidade e pluralismo que integra a sociedade galega".

Alberto Varela

A dirixente do BNG engadiu que “nesta nova tempada inaugurada en setembro, a Radio Galega foi un paso máis aló e incorporou nas mañás unha intervención diaria do xefe de informativos da canle na que presenta as "chaves do día".

“Lonxe de ser unha descrición ou presentación informativa dos asuntos que están en axenda ou aqueles que son máis destacábeis da xornada”, continuou Rodil  “atopamos un opinador que actúa –temos que dicilo con todas as letras– como voceiro dos intereses do Partido Popular na Xunta. Sen o máis mínimo pudor".

A voceira nacionalista denuncia ao xefe de informativos da Radio Galega por "presentar unha columna como informativa para dar conta dos asuntos chave da xornada para, a seguir, convertela nun recital do argumentario do Partido Popular é indigno dun medio de comunicación, máis aínda público".

Comentarios