Besteiro reclama un sistema de financiamento singular para Galiza

 O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro defendeu este sábado no Comité Federal do PSOE o sistema de financiamento proposta por Pedro Sánchez e apostou por un modelo singular para Galiza.  

Besteiro
photo_camera Gómez Besteiro durante Comité Federal do PSOE en Madrid. (Foto: Cedida)

Gómez Besteiro situou un sistema de financiamento singular para Galiza, como unha reivindicación que os socialistas galegos consideran fundamental para abordar as particularidades do país.

“O concepto de financiamento singular que tanto incomoda a algúns non é unha idea recente, senón unha demanda que os socialistas levamos moito tempo pedindo para Galiza”, asegurou Besteiro, argumentando que “Galiza presenta desafíos específicos”.

O dirixente socialista indicou que “parécenos xusto e necesario contar cun modelo que teña en conta as nosas realidades: o envellecemento poboacional, a dispersión da poboación e a necesidade de garantir servizos públicos de calidade para todos os galegos e galegas, vivan onde vivan".

O responsábel do PSdeG explicou que “este modelo de financiamento singular non é só unha cuestión de xustiza territorial, senón tamén unha ferramenta esencial para o desenvolvemento de Galiza”. Neste punto, reclamou “a necesidade de axustar o financiamento ás necesidades reais das comunidades, atendendo ás súas características específicas”

“Imos propor un modelo mellor para todos, tanto para España como para Galiza”, asegurou Gómez Besteiro, quen garantiu “máis recursos e un reparto máis equitativo" dos fondos.

O secretario xeral do PSdeG aseverou que “cando falamos de corresponsabilidade fiscal, falamos de repartir non só os recursos, senón tamén as responsabilidades, algo que o PP non toma en serio nas comunidades onde goberna”.

“A corresponsabilidade” continuou Gómez Besteiro “é clave para un sistema de financiamento eficaz e sustentábel”, que apostou por dotar máis peso no novo sistema de financiamento a variábeis como a dispersión e o envellecemento.

Apoio a Illa

O dirixente socialista apoiou o acordo entre o PSOE e ERC en Catalunya sinalando que “hoxe a realidade dános a razón: logramos formar un Goberno que traballa polo interese de todos os cidadáns de España, mantendo a unidade do país e afrontando os desafíos con responsabilidade e diálogo".   

Comentarios