O PSdeG de Portomarín alerta que a auga da traída non é apta para o consumo

Afirma que levaron a analizar a auga e os parámetros saen alterados: “o Concello debe actuar e avisar á poboación de que esta auga non se debe consumir”.

060924 Resultado da análise da auga
photo_camera Resultadosda analítica encargada polo PSdeG de Portomarín. (Foto: PSdeG)

O grupo municipal do PSdeG de Portomarín (comarca de Lugo) mostra nun comunicado a súa “profunda preocupación” polo “mal estado da auga subministrada no municipio”, tras recibir os resultados das últimas analíticas realizadas por encargo propio, “que evidencian que a auga non cumpre cos parámetros de calidade necesarios para ser considerada apta para o consumo humano”.

O seu voceiro, Marcos Arias, avisa de que levaron a analizar a auga tras as numerosas queixas da veciñanza “e saen os parámetros moi alterados”.

Estas análises, realizadas de forma independente, afirman os socialistas, confirmaron a presenza de elementos contaminantes que supoñen un grave risco para a saúde dos veciños e veciñas. “Esta situación, que se ven agravando nos últimos meses, é unha mostra clara da falta de mantemento e control adecuado sobre o subministro de auga potable, un servizo esencial que debería estar garantido polo Concello”.

A este respecto, Arias insta o Goberno municipal a tomar medidas urxentes para resolver este problema. "Non podemos permitir que a nosa veciñanza se vexa obrigada a consumir unha auga que, segundo os informes, non é segura. É unha cuestión de saúde pública, e debe ser tratada como tal", sinalan os socialistas.

Dende hai unhas semanas, a auga que chega ás vivendas presenta un aspecto turbio, que a fai inapropiada tanto para o consumo humano como para as tarefas cotiás, como cociñar, lavar a roupa ou ducharse.

Segundo alertan os socialistas, esta situación está a causar graves prexuízos ás familias de Portomarín, "que ven comprometida a súa saúde pola falta de calidade da auga". Ademais, os hostaleiros locais, que dependen dunha subministración de auga limpa para manter os seus negocios en funcionamento, tamén están a sufrir as consecuencias desta situación, o que pode afectar non só á súa actividade económica senón tamén á imaxe do municipio, especialmente nunha época de alta afluencia de peregrinos.
 

Comentarios