Viva a república social: Un motín na Coruña da Restauración que rematou en masacre

O 7 de setembro de 1886 morrían na Coruña dúas persoas que protestaban contra o imposto de consumos e defendían unha república social. A súa memoria e a súa loita ficaron no esquecemento como síntoma da natureza do réxime da I Restauración e da amnesia sobre a historia rebelde da Galiza.  

1-pintura-2-castros-gaiteira-san-diego-3-finales-s.-xix-4-5-anc3b3nimo-6-a-coruc3b1a-a-cidade-na-arte-colecc-autoridad-portuaria-frag-r8
photo_camera O porto da Coruña a finais do século XIX. (Imaxe: Autoridade Portuaria da Coruña).

As primeiras semanas de setembro de 1886 a comarca coruñesa foi testemuña dunhas importantes protestas cun fondo contido político. Esporeada pola forte crise económica e unha política fiscal inxusta, o pobo tomou as rúas, ergueu barricadas, queimou os símbolos da tiranía, enfrontouse á forza pública e morreu. Alén das motivacións concretas das miles de persoas que participaron na protesta, as mesmas evidenciaban o descontento co réxime da I Restauración así como a vontade dos sectores populares por impugnalo.

O 5 de setembro de 1886  comezou un levantamento na  Coruña contra o imposto de consumos. O imposto de consumos era un tributo indirecto de inspiración liberal, criado pola lei de reforma tributaria de Mon-Santillán, vixente no Estado español entre 1845 e 1911, suspendido durante un breve período polo Goberno da I República e que mereceu a contestación permanente da poboación galega. Unha boa parte da conflitividade social na segunda metade do século XIX e na primeiras década do XX tivo como detonante este tributo.

O imposto de consumos

O rexeitamento contra o  imposto de consumos derivábase da súa natureza inxusta, ao carecer de ningún tipo de progresividade, do alto grao de ineficacia na súa xestión, das corruptelas provocadas na súa imposición e de gravar os bens de primeira necesidade, como se afirmaba na norma “de comer, de beber, de arder”, provocando unha alza nos prezos que favorecía a carestía da vida e aumentaba o desabastecemento das subsistencias. O gravame foi suprimido por unha modificación lexislativa que deu paso a unha nova fiscalidade que comezou a gravar as rendas urbanas.

A contestación aos consumos foi asociado nesta ocasión á  denuncia da situación económica e a demanda dun novo marco de liberdades públicas. Non é casual que a protesta se enmarcase nun ciclo particularmente explosivo da vida galega, definida por unha fonda crise económica  derivada dun complexo agrario esgotado como consecuencia das necesidades do mercado mundial capitalista e dunha caída dos prezos dos produtos pecuarios a partir de 1880.

O réxime da I Restauración representou unha involución política de primeira orde, significándose polo seu carácter represivo no político e social e polo abuso das autoridades públicas, que ficou testado nas xornadas de loita que se viviron as rúas coruñesas e condicionaron o arranque das mobilizacións. Non foi casual, que as protestas se iniciasen após o enterro no cemiterio de Elviña de Antonio Paradela, un labrego a consecuencia da malleira dun cabo da Garda Civil bébedo.

Os abusos da Garda Civil

As mobilizacións sucedéronse ao longo de toda a semana significándose pola súa dureza. O domingo 5 de setembro, ao remate do funeral de Antonio Paradela, os asistentes desprazáronse a casiña de consumos de María Pita que foi inmediatamente queimada tras negarse a forza pública a liberar a algunhas persoas que foran detidas no cemiterio, dislocándose de seguido, ao local da Administración local de consumos, onde retiraron documentación e os libros contábeis que foron queimados na rúa Real.

A medida que comezaron os enfrontamentos coa forza pública fóronse sumándose máis persoas ás protestas, impedindo nos días seguintes as matanzas de reses no matadoiro municipal até desabastecer a cidade de carne de vacún e porco. Ao tempo, comezaron a erguerse barricadas nalgúns barrios populares  como Monelos, Orzán ou Eiris, onde os soldados foron recibidos ao berro de “viva a república social, abaixo os consumos” e continuaron as queimas  doutras casiñas de consumos,. Na mesma dirección, a protesta expandiuse a outros concellos como Cambre e chegou á comarca de Bergantiños.

O masacre de 7 de setembro

O 7 de setembro as autoridades militares proclamaron o Estado de guerra, decretaron  a Lei marcial e comezaron unha represión indiscriminada. Neste contexto, morreu a consecuencias dos disparos do exército José Vidal Otero sendo feridos de gravidade Juan Lorenzo Vidal, Ricardo do Pico Prego, un neno de sete anos, Juan Neira e Juana Varela, carniceira da praza é unha das dirixentes máis significadas no conflito. No marco da loita, perdeu, tamén, a vida o dirixente obreiro Ramón González, a consecuencia do estoupido dun cartucho de dinamita que manexaba.

Os sucesos de 7 e 8 de setembro deixaron dous centenares de detidos e ducias de feridos de diferente consideración. Os encarcerados abandonarían pouco a pouco o depósito, sendo finalmente amnistiados doce persoas condenados pola xurisdición militar, entre eles Baldomero Noche, vocal do centro obreiro, cadro republicano federal , asociado co tempo da Liga Galega e director do semanario satírico El duende. Porén, a protesta rematou vencendo, ao verse obrigado o Goberno local a modificar as novas taxas que viña de introducir no imposto de consumos.

Comentarios