O Xardín da Memoria do Cemiterio de Pereiró, en Vigo, acolleu esta terza feira, 27 de agosto, un ano máis, o acto institucional co que o Concello homenaxea a alcaldes, deputados e sindicalistas asasinados "por defender a democracia" en 1936.
O alcalde, Abel Caballero, presidiu o acto, ao que tamén asistiron familiares dos homenaxeados: Emilio Martínez Garrido, alcalde de Vigo; José Antela Conde, alcalde de Lavadores; os deputados socialistas Antonio Bilbatúa, Ignacio Seoane e Enrique Heraclio Botana; os sindicalistas Apolinar Torres e Ramón González Brunet; e o concelleiro Ubaldo Gil.
"Hai 88 anos, neste cemiterio asasinaron demócratas, persoas que deron a súa vida por vivir en democracia e defender os seus principios, a liberdade e a dignidade", proclamou Caballero, quen destacou o importante avance da Lei de Memoria Histórica para que acontecementos como estes non volven ocorrer.
'Homiños de Boimorto'
A Carballeira de Ortoño en Ames (comarca de Compostela), acolleu onte un acto na memoria dos "Homiños de Boimorto" organizado polo BNG. A formación quixo lembrar estes represaliados, a maioría concelleiros da corporación democrática en Boimorto (comarca de Arzúa), que foron asasinados o 20 de agosto do ano 1936. O acto tivo lugar en Ames, onde se realizaron labores, polo de agora infrutuosos, para recuperar os corpos dos asasinados.
Na homenaxe participaron Escarlata Pampín, voceira e concelleira do BNG de Ames, Sol Agra Tuñas, deputada de Dereitos Civís na Deputación da Coruña e concelleira do BNG en Outes; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Compostela, e Alejandra Tojo, bisneta de José Tojo, un dos "Homiños de Boimorto".