Débora Moldes: "Recibimos máis de 50 pezas candidatas no Premio de Poesia Florencio Delgado Gurriarán e agardamos que nestes últimos días entren moitas máis"

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán traballa na organización do V premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán. A xerente da entidade, Débora Álvarez Moldes explica a Nós Diario as características do certame e as liñas de traballo do colectivo.

315801708_193931276499049_5494060778790617408_n
photo_camera Débora Moldes, xerente da Fundación Florencio Delgado Gurrirarán. (Foto: Nós Diario).

Está aberto o prazo para a presentación de orixinais para a V edición do premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán, aquelas persoas que desexen participan como poden facelo?

Primeiro de nada deben presentar os seus traballos antes de 15 de setembro que é cando remata o prazo de recepción de orixinais. A este altura xa temos recibido máis de cincuenta pezas candidatas e agardamos que nestes últimos días entren moitas máis.

As obras deben mandarse a través do formulario dispoñíbel na web florenciodelgadogurriaran.gal onde tamén están recollidas as bases ou senón mediante o enderezo electrónico da organización.

Unha vez rematado ese prazo comezará o traballo do xurado, anunciando primeiro os tres poemas finalistas, para desvelar o gañador durante a gala que se celebrará a finais de outubro.

Que significaría da edición deste ano do certame poético?

Sempre hai novidades mais actualmente traballamos na consolidación do premio para convertelo nunha das referencias da poesía galega. Neste sentido, a dotación económica do mesmo volve ser de 3.000 euros.

Ao tempo, significaría a composición do xurado como unha representación ben acaída do ecosistema cultural galego, onde oficios e paixóns se entrecruzan favorecendo a creatividade e a proxección da lingua e cultura.

É a primeira ocasión que este certame está convocado pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán, con que obxectivo nace a entidade?

Nacemos cunha vocación comarcal. Florencio naceu en Vilamartín, viviu no Barco de Valdeorras mais el tiña unha visión comarcal e esa idea de Valdeorras como comarca inspira o noso colectivo.

Somos unha fundación cultural, estamos para facer cultura, custodiar o legado e a obra de Florencio e divulgar a súa figura

Que outras actividades teñen proxectadas para os próximos meses?

Nesa perspectiva de dinamizar culturalmente Valdeorras xa levamos traballando desde hai anos con palestras e xornadas, que tocan diversos aspectos da nosa realidade comarcal.

A maiores, consideramos chave traballar polo respecto ao medio ambiente e o impulso ao medio rural, con moita atención aos grupo de poboación que nos rodean, fomentando un marco de relacións igualitarias entre homes e mulleres.

Comentarios