O Dépor feminino comeza na na Liga F e As Celtas estréanse en Balaídos

O fútbol feminino será o protagonista do deporte esta fin de semana. As xogadoras de Dépor inician unha nova andaina na máxima categoría profesional e As Celtas inauguran o proxecto do equipo celeste no estadio de Balaídos nunha xornada histórica. 
Á esquerda, adestramento das xogadoras do Dépor e Irene Ferreras onte. Á dereita, Xisela Aranda, Vicky Vázquez e Lara Martínez (Fotos: Dépor e Celta).
photo_camera Á esquerda, adestramento das xogadoras do Dépor e Irene Ferreras onte. Á dereita, Xisela Aranda, Vicky Vázquez e Lara Martínez (Fotos: Dépor e Celta).

Comeza a tempada 2024-2025 da liga F de fútbol feminino e nela estará, tres anos despois de deixala, o Deportivo. O equipo da cidade herculina será un dos 16 que compitan nesta categoría que chega á súa 37ª edición realizándose e a terceira dentro do fútbol profesional. Serán trinta xornadas que culminarán en xuño de 2025 nunha competición que inician as galegas mañá contra as favoritas do FC Barcelona (Riazor, ás 18 horas). 

Irene Ferreras, tras conseguir o obxectivo que se marcou cando chegou ao club en 2022, reforzou o seu cadro de xogadoras coa vista posta en facer un bo papel e manter a categoría. Por este motivo chegaron á Coruña estes meses, para incorporase, Beira Martínez (Osasuna), Bárbara Latorre (Roma), Pancha Lara (Vilarreal), Patrícia Hmírová (Sporting Huelva), Inés Pereira (Servette) e Oriana Altuve (Ao-Shabab). Ademais, tamén se vestirán de branquiazul como cedidas Mariña Artero (Athletic Club) e Olaya Enrique (Real Madrid). 

Bárbara Latorre manifestouse contenta polo inicio da competición. A branquiazul asegurou que fixeron unha pretempada “moi boa e considero que debemos ter paciencia e estar tranquilas". Con respecto ao partido de mañá, a ex barcelonista considerou que é "a mellor maneira de empezar" recoñecendo que as catalás son "o mellor equipo nestes momentos, a maior referencia". Ademais, é consciente de que non será un partido fácil e insiste en manter a tranquilidade. "É un partido moi especial, porque vivín moitas cousas alí e hai que enfocalo da mellor maneira posíbel", concluíu.

As catalás, pola súa parte, defenderán o seu décimo título ligueiro -sexto consecutivo- tras unha tempada en que conseguiron, ademais, gañar a Copa, a Supercopa e a Champions. Terán como novidade a presenza de Pere Romeu como novo adestrador, tras a marcha do galego Jonatan Giráldez ao fútbol norteamericano. Romeu xa adiantou que houbo trocos no vestiario polo que non quere “facer comparacións”. Neste sentido contará, ademais das ‘estrelas’ azulgranas, coas incorporacións de Kika Nazareth (Benfica), Ewa Pajor (Wolfsburgo) e Ellie Roebuck (Manchester City). 

Día histórico en Balaídos para As Celtas 

No sur da Galiza, o equipo feminino do Celta, As Celtas, comeza este sábado tamén a súa andaina co seu primeiro partido na cuarta categoría. Será unha xornada histórica para o club celeste que inaugura unha sección moi demandada pola afección. A festa está asegurada despois duns días en que se presentou a indumentaria do equipo e mesmo cunha nova versión do tema Xa están aquí, composición d'Os Resentidos, publicada orixinalmente en 1991, reinterpretada con voces femininas e acompañadas polo mesmo Antón Reixa. 

Para o partido inaugural ante o Victoria CF da Coruña (Balaídos, 16.30 horas) o club que preside Marián Mouriño anunciou varias sorpresas, entre elas a actuación de Fillas de Casandra no descanso. ESta sexta feira mesmo compareceu en rolda de prensa a adestradora do equipo, Vicky Vázquez, acompañada pola capitá, Lara Martínez, e a conselleira do Celta, Xisela Aranda. Esta última transmitiu que o proxecto persoal de Marián Mouriño “era diferente” mesmo para o seu partido inicial, nun campo como o de Balaídos. “É un proxecto importante do Celta, queriamos que todo o mundo dentro o valorase e lle collesen agarimo”, asegurou. 

Como responsábel do corpo técnico, Vicky Vázquez comezou a súa intervención sinalando que están ante “un día histórico” e xogando “nun escenario inmellorábel”, farán "un esforzo enorme para tentar levarnos os tres puntos". Para a viguesa “o escudo si é unha responsabilidade, pero non pesa”.

 En relación ao xogo que se verá nos partidos das celestes, Vázquez descobre que apertará arriba para buscar “ser protagonistas co balón, na liña do resto de equipos do Celta. Temos que xogar igual ca eles”. Para rematar, e con todo o foco posto no especial deste encontro, a adestradora insiste en que buscarán "centrase no partido e no xogo". Sobre as rivais, lembrou que a ilusión que teñen por gañar "tamén a teñen elas, non deixa de ser un partido", polo que o choque entende que será "difícil". Neste sentido recoñeceu que están "a estudar a estudar os puntos débiles".  

Por último, rematou a rolda Lara Martínez. A xogadora asegurou que as xogadoras están “ilusionadas pola creación do proxecto, estar nel, xogar o primeiro partido da historia e, encima, en Balaídos”. 

 Trasladou que o equipo “vaino dar todo para que se sentan orgullosas”. Aliás, en relación ao terreo de xogo deste sábado, moi diferente aos que terán oportunidade de visitar durante esta tempada, a xogadora afirmou que "somos un equipo que preferimos ter o balón polo que xogar con herba natural benefícianos", sobre todo por ter adestrado todas estas semanas con este tipo de superficie. Ademais, a viguesa sinala que o seu equipo aproveitará que "ten xogadoras moi rápidas para a dimensión do campo".   

Comentarios