A folga de Vigo de 1972, unha loita que marcou o futuro da clase obreira galega

As folgas obreiras de 1972 en Ferrol e Vigo abriron unha nova etapa na loita do movemento obreiro galego. Os sucesos de setembro na cidade olívica amosaron a madurez do seu proletariado e evidenciaron a necesidade dunha nova práctica e orientación sindical, concretada anos máis tarde na conformación do sindicalismo nacionalista.

Traballadores vigueses na folga de 1972. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Traballadores vigueses na folga de 1972. (Foto: Nós Diario)

A capacidade de loita do proletariado vigués ficou testada ao longo de 1972. O asasinato o 10 de marzo de 1972 de Amador Rei e Daniel Niebla mentres participaban nunha mobilización operaria en Ferrol, deu paso a unha folga xeral de solidariedade en Vigo, paralizándose importantes centros de traballo, como Citroen, e convocándose importantes manifestacións na cidade.

Uns meses mais tarde, o nove de maio, estoupou un conflito no estaleiro de Barreras que se alongou até o día 25, motivado pola decisión da empresa  de retallar  as condicionais laborais do cadro de persoal. As manifestacións de 23 e 24 de maio xuntaron máis de tres mil obreiros de polas rúas da cidade que foron respondidas por diversas cargas da policía armada.

Arranca a folga

O nove de setembro de 1972 os traballadores de Citroen convocaron un paro parcial demandando melloras no convenio. A empresa respondeu despedindo a varios traballadores, seguindo da paralización total da factoría esixindo a súa readmisión e  provocando a extensión do conflito a outros centros de traballo, como Santo Domingo, Barreras, Vulcano, Alvarez ou Yarza,

O 11 de setembro a protesta entrou nunha nova fase. A decisión de erguer barricadas no centro de Vigo, deu paso aos primeiros enfrontamentos coas forzas da orde, reforzadas pola chegada á cidade de unidades da policía armada de León e Valladolid, que mesmo chegaron a disparar contra os manifestantes.

O 16 chamouse á folga xeral, que foi total na área de Vigo, sumándose a mesma outras empresas da comarca do Morrazo como Massó. Porén a partir do 21  a represión endureceuse aínda máis, iniciándose o 25 a volta o traballo e  ficando atrás centos de traballadores detidos e despedidos.

A represión

A represión acadou unhas proporcións e formas descoñecidas en Vigo. A primeira, executada pola patronal, concretouse nos despedimentos masivos, sinalando A Voz do Pobo e Terra e Tempo, que se enviaran máis de seis mil notificacións de cese de contrato, formalizándose posteriormente a expulsión de máis de catrocentos traballadores dos diferentes centro de traballo da comarca.

O aparato do réxime franquista non ficou atrás, pasando polas comisarías da cidade centos de traballadores, ficando moitos deles detidos, como aconteceu con algúns dos dirixentes sindicais máis recoñecidos. Neste contexto situouse o paso a clandestinidade, dunha parte dos cadros obreiros da cidade, algúns dos cales víronse obrigados ao exilio en países europeos que xa acollían un continxente importante de emigrantes galegos.

As comisarías de Vigo funcionaron nese momento como auténticos centros de tortura. As torturas máis aplicadas, como se sinalou nun informe interno da UPG daquela altura , foron “as táboas de ximnasia”, método que “obrigaba ao detido a permanecer de pé e posturas forzadas mentres o golpeaban por todo o corpo”, ou “o quirófano”, consistente “en estirar ao retido sobre unha mesa mentres se lle peta no estómago e se lle introducen bolígrafos estriados sobre os dedos das mans”.

A derrota da folga

A folga rematou cunha derrota para a clase obreira viguesa. As reivindicacións laborais non se acadaron, centos de traballadores foron despedidos do seu posto de traballo, o movemento sindical ficou descabezado con boa parte dos dirixentes espedientados, encarcerados ou exiliados e as organizacións políticas que participaron na loita duramente golpeadas.

A Unión do Povo Galego e a Organización Obreira non dubidaron en facer esta análise xa no propio mes de setembro, sinalando o Terra e Tempo que os “obxectivos e o momento da loita foron mal escollidos”, provocando “unha derrota parcial do proletariado vigués” e concluíndo que “ a clase obreira de Vigo quedou queimada”.

Un punto e aparte

A significación da folga viguesa de 1972 superou o marco do conflito, supoñendo un punto e aparte na historia do movemento obreiro galego. Significou a presentación pública do nacionalismo no ámbito operario, a vontade de introducir unha nova práctica sindical que impugnara a liña do PCE e a determinación de erguer unha nova alternativa para a clase traballadora, cuxos resultados se fixeron visíbeis coa constitución en 1975 do Sindicato Obreiro Galego (SOG), antecedente da  Confederación Intersindical Galega (CIG).

Comentarios