O opositor venezolano Edmundo González inicia os trámites para recibir asilo político no Estado español

Edmundo González chegou este domingo a Madrid nun avión das Forzas Aéreas españolas tras partir o sábado desde Caracas. Solicitou asilo baixo o pretexto dunha persecución xudicial, tras emitir a xustiza venezolana unha orde de detención por delitos relacionados coas denuncias de fraude electoral nas eleccións presidenciais do pasado 28 de xullo.
Varios venezolanos esperan no exterior da base aérea de Torrejón de Ardoz (Madrid) a chegada de Edmundo González. (Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera Varios venezolanos esperan no exterior da base aérea de Torrejón de Ardoz (Madrid) a chegada de Edmundo González. (Carlos Luján / Europa Press)

O avión das Forzas Aéreas Españolas que trasladou a Madrid a Edmundo González aterrou arredor das 16 horas deste domingo na Base Aérea de Torrejón de Ardoz (Madrid), segundo informou o Ministerio de Asuntos Exteriores.

A partir de agora inicia os trámites para a petición do asilo cuxa resolución, segundo o Ministerio, "será favorábel en aras do compromiso de España cos dereitos políticos e a integridade física de todos os venezolanos e venezolanas, especialmente dos líderes políticos".

González, que viaxou acompañado pola súa esposa e polo secretario de Estado de Asuntos Exteriores e Globais, Diego Martínez Belío, foi recibido pola secretaría de Estado para Iberoamérica e o Español no Mundo, Susana Sumelzo.

O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, lanzou unha mensaxe de agradecemento a todos os profesionais do seu Ministerio e do Ministerio de Defensa que fixeron posíbel que Edmundo González estea en España.

"España está comprometida coa democracia e os dereitos humanos en Venezuela", escribiu na súa conta da rede social X.

A acollida de Edmundo González, a quen España vai dar asilo a petición propia, non cambia a postura do Goberno de non recoñecer a "suposta vitoria" de Nicolás Maduro nas presidenciais do 28 de xullo mentres non se presenten as actas e de apostar polo diálogo entre venezolanos para atopar unha solución.

Un mes na Embaixada de Países Baixos

Edmundo González saíu de Venezuela nun avión da Forza Aérea española tras permanecer un tempo na residencia da Embaixada do Estado español en Caracas.

O dirixente opositor estivo máis dun mes refuxiado na Embaixada de Países Baixos en Caracas antes de ocultarse na residencia do embaixador español e poñer rumbo a España, desvelou o Goberno neerlandés este domingo.

Albares falou co candidato opositor, quen lle trasladou "o seu agradecemento cara ao Goberno e cara a España". Mentres, o ministro español reiteroulle "o compromiso do Goberno de España cos dereitos políticos, a liberdade de expresión e manifestación e a integridade física de todos os venezolanos".

"A posición do Goberno de España non cambia en absoluto con respecto ao que era anteriormente á saída de Edmundo González", recalcou Albares, segundo as declaracións facilitadas desde o seu departamento.

Así, volveu a esixir a publicación de todas as actas electorais para a súa verificación e recalcou que o Goberno non vai recoñecer "ningunha suposta vitoria se iso non se pode facer". Igualmente, puntualizou que "España vai estar sempre aí para favorecer o diálogo e a negociación entre o Goberno e a oposición para conseguir unha saída que ten que ser pacífica e xenuinamente venezolana entre venezolanos".

En canto á eventual reacción do Goberno venezolano, o ministro insistiu en que o Executivo deixou moi claro que todo o que fai é "en favor de Venezuela e do pobo venezolano", de aí a aposta polo diálogo entre as partes.

Por último, Albares non descartou que outros opositores venezolanos poidan seguir os pasos de Edmundo González. "España non vai fechar a porta nunca a ningún venezolano", subliñou, lembrando que xa hai máis de 100.000 acollidos cun estatuto especial.

Ameazas e negociacións

O ex candidato presidencial da oposición venezolana Edmundo González asegurou este domingo, tras chegar a Madrid, que recibiu "presións, coaccións e ameazas" para impedir a súa saída de Venezuela.

Pola súa parte, a vicepresidenta de Venezuela, Delcy Rodríguez, contradixo na madrugada desta segunda feira o ministro de Exteriores de España, José Manuel Albares, ao asegurar que houbo "amplas conversacións e contactos" para garantir a saída do país por parte do ex candidato opositor venezolano Edmundo González cara a España, mentres que o xefe da diplomacia española nega calquera negociación respecto diso.

Comentarios