O rei emérito crea unha fundación coas súas fillas en Abu Dhabi para poder transferirlles a súa herdanza

A fórmula escollida garante que os herdeiros pasen a controlar o patrimonio da sociedade unha vez falecen os seus proxenitores sen que teña que facerse pública a identidade de ningún deles.
O rei emérito, coa chaqueta do Bribón, nunha visita a Sanxenxo en 2022. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O rei emérito, coa chaqueta do Bribón, nunha visita a Sanxenxo en 2022. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O rei emérito, Juan Carlos I, vén de crear unha fundación xunto ás súas fillas en Abu Dhabi coa que, ademais de promover o seu reinado, de case catro décadas, busca poder transferir de forma máis sinxela a súa herdanza ás infantas Elena e Cristina, segundo informa esta segunda feira El Confidencial.

A fundación foi creada en Abu Dhabi, onde reside o emérito desde agosto de 2020, coa axuda dun avogado español e tanto Elena como Cristina figuran no seu padroado.

O obxectivo é dar a coñecer a figura de Juan Carlos I mediante o financiamento de actividades educativas e culturais, pero ao mesmo tempo, aproveitar a vantaxosa lexislación dos Emiratos Árabes Unidos para que o emérito poida centralizar a súa fortuna fóra do Estado español e deixarlla en herdanza ás súas fillas.

Segundo explica este medio, ademais da case nula fiscalidade deste tipo de fundacións no país do Golfo hai que ter en conta o secreto arredor das súas normas de funcionamento e a verdadeira titularidade dos bens, polo que os herdeiros pasan a controlar o patrimonio da sociedade unha vez falecen os seus proxenitores sen que teña que facerse pública a identidade de ningún deles.

A renuncia de Felipe VI

O rei Felipe VI, ao igual que a princesa Leonor, renunciaron a calquera herdanza que lles puidese deixar o emérito en abril de 2019, aínda que o dato non se coñeceu até marzo de 2020, cando Zarzuela anunciou que o monarca decidira retirar a asignación prevista nos orzamentos da Casa do Rei ao seu pai.

A decisión produciuse despois de que saíse á luz que o rei e a herdeira ao trono figuraban como beneficiarios da Fundación Lucum, creada en 2008 polo entón monarca para ocultar a doazón de 100 millóns de dólares que lle faría Arabia Saudita. Eses fondos permaneceron nunha conta en Suíza até que en 2012 Juan Carlos I transferiu os 65 millóns que quedaban a Corina Larssen.

Felipe VI tamén se desmarcou de Zagatka, a outra fundación vinculada ao seu pai e creada por Álvaro de Orleans-Borbón, curmán afastado do emérito. Desde Zarzuela aclarouse que Felipe descoñecía "por completo" que fose beneficiario da mesma e informouse de que ante notario el e a princesa Leonor desbotaran por completo calquera vínculo que puidese haber coa Fundación Lucum.

Ademais, no comunicado de Casa Real incluíuse unha mensaxe de Juan Carlos I, aclarando que este en ningún momento "facilitou información" sobre as dúas fundacións ao seu fillo.

A noticia da nova fundación do rei emérito coñécese un día despois de que este asistise en Madrid ao funeral polo seu sobriño Juan Gómez-Acivro, onde coincidiu cos reis así como coa raíña emérita Sofía e coa infanta Cristina.

Comentarios