A Xunta presentará unha reforma do mapa municipal para impulsar a fusión dos concellos

A Xunta da Galiza  continúa mantendo como obxectivo a fusión dos concellos. Neste contexto, a Consellaría de Presidencia vén de elaborar un estudo para a reforma do mapa municipal galego.

El vicepresidente primero y conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, y el alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela.
XUNTA
02/2/2024
photo_camera O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. (Foto: Europa Press)

O Goberno galego “avoga pola necesidade de acometer reformas na planta municipal e aposta polas fusións voluntarias entre concellos”. Ao tempo, apoia “outras formas de cooperación para a mellora dos servizos públicos que os concellos prestan á cidadanía, en especial nos de menor poboación”.

A Consellaría de Presidencia sinala que a Administración galega “leva anos apostando pola xestión compartida de servizos e polas fusións coa finalidade de garantir a sustentabilidade económica dos concellos galegos e da igualdade  de acceso da cidadanía á prestación de servizos con independencia do municipio ao que pertenza”.

O Partido Popular impulsou diversas reformas lexislativas nos últimos 11 anos para incentivar este proceso. Así, en 2013, promoveu unha reforma con “medidas concretas encamiñadas a fomentar e incentivar a fusión entre concellos de municipios ao garantir maior financiamento”

Os responsábeis do departamento dirixido por Diego Calvo apuntan que “Galiza foi pioneira co impulso das dúas únicas fusións voluntarias de municipios que se produciron en España en 40 años: as de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade”.

As autoridades galegas fan unha valoración positiva destes procesos de fusión, destacando que “teñan unha mellor capacidade financeira para afrontar con maiores garantías o reto de fixar poboación no seu territorio e buscar a súa viabilidade futura”.

O novo mapa local

A Xunta da Galiza presentará o vindeiro 19 de setembro un Estudo sobre a planta local galega, co obxectivo de promover “a reforma do mapa municipal galego e o impulso de novos procesos de fusión municipal e outras fórmulas de cooperación intermunicipal”.

O documento realizado en colaboración coa Fundación Juana de Vega e as tres universidades galegas recolle os resultados dunha enquisa efectuada a perto dun milleiro de galegos e de galegas sobre a fusión de concellos.

Os dados avanzados pola Consellaría da Presidencia indican que “a cidadanía ten unha predisposición favorábel á fusión voluntaria dos concellos (83%), e considera que a redución do número destes melloraría a súa capacidade de prestación de servizos”.  

Comentarios