Eloína Núñez, curmá de Feixoo, optaría a unha Subdirección en Política Social

Segundo publica Galiciapress, a que foi xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e da área sanitaria de Santiago e O Barbanza pasará a ser subdirectora xeral de Envellecemento Activo, Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria da Consellaría de Política Social.
A ex xerente da área de Santiago e O Barbanza, Eloína Núñez, xunto ao ex conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita ao CHUS. (Foto: Conchi Paz)
photo_camera A ex xerente da área de Santiago e O Barbanza, Eloína Núñez, xunto ao ex conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita ao CHUS. (Foto: Conchi Paz)

Eloína Núñez Masid, curmá do ex presidente da Xunta e líder do Partido Popular Alberto Núñez Feixoo, xa actúa como a nova subdirectora xeral de Envellecemento Activo, Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria da Consellaría de Política Social.

Segundo recolle o dixital Galiciapress, que cita fonte dos traballadores da Xunta da Galiza, Núñez estreouse nas súas novas funcións a pasada quinta feira.

Tras dirixir a área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, en 2017, con Núñez Feixoo á fronte do Goberno galego e Jesús Vázquez Almuíña na Consellaría de Sanidade, Eloína Núñez asumiu a dirección da área sanitaria de Santiago de Compostela e o Barbanza onde acumulou numerosas críticas e conflitos laborais.

No punto de mira

En seis anos de Xerencia, a curmá de Feixoo foi censurada por profesionais médicos, usuarios e pacientes e por representantes públicos da oposición. En plena pandemia foi censurada pola falta de medidas para garantir a protección de persoal e persoas enfermas, e motivou o enfado de traballadoras e sindicatos ao insinuar que os contaxios dos sanitarios tiñan a súa orixe nas salas de café.

Eloína Núñez recibiu a renuncia do xefe do servizo de Xinecoloxía en el hospital Clínico de Santiago e máis tarde a do xefe de Medicina Interna, nun momento de sobrecarga que mantiña a unidade sometida a unha gran presión e sen recursos humanos suficientes nin solucións por parte da Xerencia.

Outros dous conflitos soados durante o seu mandato afectaron aos servizos de Anatomía Patolóxica e de Urxencias, onde as condicións de traballo do persoal e o coidado dos pacientes suscitou graves cruces de acusacións de "incompetencia" e "falta de planificación" e mesmo a apertura de expediente por parte da Xerencia a unha médica de Urxencias por atender dous pacientes nos corredores do servizo.

Eulen

Na primavera deste ano Eloína Núñez foi substituída á fronte da área compostelá. Poucos meses antes despachou polo menos dous contratos, por catro millóns de euros, á empresa da súa curmá Micaela, irmá de Alberto Núñez Feixoo: Eulen.

Após o seu cese, a Núñez Masid, e a outros dous altos cargos do Sergas, foille concedido un permiso retribuído de seis meses.

Comentarios