Sanidade muda as xerencias das áreas sanitarias de Compostela, Ourense e Ferrol

A substitución de Eloína Nuñez á fronte da área compostelá será cuberta polo até o de agora responsábel da área ferrolá, Ángel Facio, o que provoca que Fernanda López Crecente se vaia pór á fronte da de Ferrol. Ademais, Félix Rubial é substituído en Ourense por José Santiago Camba Bouzas.
Antonio Gómez Caamaño colleu a remuda de Julio García Comesaña á fronte da Consellaría de Sanidade (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Antonio Gómez Caamaño colleu a remuda de Julio García Comesaña á fronte da Consellaría de Sanidade (Foto: Xunta da Galiza).

A Consellaría de Sanidade nomeou a novos xerentes das áreas sanitarias de Compostela, Ourense e Ferrol. A substitución de Eloína Nuñez á fronte da área compostelá será cuberta polo até o de agora responsábel da área ferrolá, Ángel Facio, o que provoca que Fernanda López Crecente se vaia pór á fronte da de Ferrol. Ademais, Félix Rubial é substituído en Ourense por José Santiago Camba Bouzas.

Deste modo, Ángel Facio Villanueva (Compostela, 1965), quen era o xerente da área de Ferrol desde 2012, será o novo responsábel da área de Santiago e Barbanza. Así, Sanidade releva no cargo a Eloína Núñez Masid, curmá do ex presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, que levaba no posto de xerente da área de Santiago desde 2017. Previamente, fora xerente da área de Ourense.

Hai uns días, o novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xa deslizaba que habería cambios nalgunhas xerencias das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde (Sergas), no cal se implantarán "ideas diferentes" con respecto á etapa do seu antecesor, Julio García Comesaña. O resto de xerentes das outras catro áreas sanitarias mantéñense no cargo, segundo o comunicado da Xunta deste sábado.

Ourense

Así mesmo, Sanidade nomeou a José Santiago Camba Bouzas (1960) como novo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Substitúe a Félix Rubial, que levaba no cargo desde 2019. Camba foi director xeral de Xuventude da Xunta entre 1990 e 1995, así como vicepresidente da Deputación de Ourense entre 1995 e 2001, cargo que compatibilizou con ser vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Entre 2000 e 2001 foi director do Sergas en Ourense. Tamén foi secretario xeral de Emigración da Xunta (2009 e 2012) e ocupou cargos de responsabilidade en embaixadas do Estado español no Brasil, Venezuela, a Arxentina, Colombia e a República Dominicana.

Ferrol

Pola súa parte, a marcha de Facio de Ferrol a Santiago provoca que María Fernanda López Crecente sexa nomeada nova xerente da área ferrolá. Natural de Lugo, até a data era directora de Procesos de Soporte na área sanitaria de Santiago. Previamente, desempeñou as mesmas funcións na área de Ferrol.

Foi subdirectora xeral de Xestión Socio-sanitaria e Saúde Mental do Sergas entre 2009 e 2012. Ademais de traballar como médico coordinadora-xefe de sala no 061 en diferentes períodos, foi directora de Coordinación Asistencial na Fundación Pública 061 Urxencias Sanitarias da Galiza.

Comentarios