Compostela acolle un ciclo de cinema palestino

O público poderá ver catro filmes, dúas ficcións e dous documentais, que supoñen unha fiestra á vida, ás loitas e ás historias dos habitantes de Gaza.
Un fotograma de 'Un porco en Gaza', de Sylvain Estibal.
photo_camera Un fotograma de 'Un porco en Gaza', de Sylvain Estibal.

A Fundación Araguaney-Puente de Culturas organiza en colaboración coa Deputación da Coruña o ciclo de cinema palestino Gaza en 8 mm. Comezará o día 16 de setembro, e continuará con outras tres proxeccións as segundas feiras 23 e 30 de setembro e 7 de outubro. Poderanse ver de balde no salón Olivo do hotel Eurostars Araguaney de Santiago, ás 20 horas.

O público poderá ver catro filmes, dúas ficcións e dous documentais, que supoñen unha fiestra á vida, ás loitas e ás historias dos habitantes de Gaza a través da lente de cineastas comprometidos que convidan a "explorar e reflexionar sobre a realidade diaria dunha rexión marcada polo conflito, pero tamén pola resiliencia e a humanidade da súa xente".

A raíz dos eventos que tiveron lugar o 7 de outubro de 2023 e da intensificación das accións do exército israelí sobre Gaza, a situación ocupa un destacado espazo nos medios de comunicación e no discurso político, mais a Fundación lembra que "non debe esquecerse que a ocupación israelí sobre os territorios palestinos remóntase a máis de 60 anos atrás. Nas cintas deste ciclo retrátase a represión e violencia á que estaba suxeita a poboación palestina incluso antes do 7 de outubro" explican desde a Fundación.

Así, o ciclo visa a informar e xerar un diálogo "significativo" sobre o impacto que está a ter a crise humanitaria en Gaza.

Os filmes

Gaza (2019) de Garry Keane e Andrew McConnell, un poderoso documental que retrata a vida cotiá dos habitantes de Gaza que seguen adiante coas súas vidas a pesar de vivir no epicentro do conflito, será o primeiro dos filmes proxectados.

Gaza mon amour (2020), unha longametraxe de ficción de Tarzan Nasser e Arab Nasser, referentes do cinema palestino, e que recibiu a Espiga de Prata na Seminci de Valladolid, será o filme que se poida ver o día 23 de setembro.

Un porco en Gaza (2021), longa de ficción dirixida por Sylvain Estibal que ofrece unha perspectiva tenra e divertida sobre a natureza dun conflito que se prolongou durante demasiados anos.

Fechará o ciclo o documental de Hernán Zin Nacido en Gaza (2014), centrado no impacto que a violencia do conflito palestino-israelí ten sobre a infancia da faixa.

Comentarios