Fornelos de Montes convoca o XIII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey

O prazo de recepción das obras abrangue do día 10 ao 30 de novembro.

Manuel Lueiro Rey. (Foto: CDC)
photo_camera Manuel Lueiro Rey. (Foto: CDC)

O Concello de Fornelos de Montes (comarca de Vigo) vén de convocar a XIII edición do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey. A este galardón poderán concorrer as e os poetas que o desexen, cos seus poemas escritos en lingua galega.

Os poemarios aspirantes ao premio serán de tema e forma libres, cunha extensión mínima de 500 versos e máxima de 800. Deberán ser orixinais e inéditos na súa totalidade, condición que se estende ao soporte dixital.

A dotación do premio, único e indivisíbel, será de 2.500 euros e estará suxeita ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión. O premio inclúe ademais a publicación da obra gañadora en Edicións Xerais.

O prazo de recepción das obras abrangue do día 10 ao 30 de novembro de 2024, segundo as bases publicadas polo consistorio. A obra seleccionada por un xurado que elixirá o Concello de Fornelos de Montes darase a coñecer na primeira quincena de xaneiro de 2025 e a entrega do premio decorrerá no outono do vindeiro ano.

Entre as persoas galardoadas por este premio literario figuran Silvia Penas (gañadora da primeira edición do Manuel Lueiro Rey, en 2013, con As uñas crecen), Eli Ríos (en 2014, con Anamnese), Antón Lopo (en 2018, con Corpo), Carlos da Aira (en 2020, con A guerra era contra nós), ou Lupe Gómez (en 2023, con Salón de té).

Manuel Lueiro Rey (Fornelos de Montes, 9 de abril 1916 – O Grove, 11 de outubro de 1990), foi un escritor e xornalista galego, integrante da chamada Xeración do 36.

Autor de obras como Un tempo de sol a sol (poemas do neno galego) (1971), Escolma ferida (1977), O sol na crista do galo (1982) ou o ensaio O Grove: canción do sal e do vento (2005), na súa honra, o Concello do Grove (O Salnés) creou en 1992 o Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey, e o de Fornelos os premios de poesía e xornalismo.

Comentarios