O BNG exixe a gratuidade dos libros de texto e aumentar as axudas

Pontón reuniuse con asociacións de nais e pais.
Ana Pontón. Reunión inicio de curso 1
photo_camera Ana Pontón, no centro, na reunión no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo a gratuidade universal dos libros de texto e máis axudas ás familias galegas para afrontar un curso escolar que este ano arranca, asegurou, “cos mesmos problemas de sempre”, como a falta de persoal de apoio, as ratios abusivas nas aulas e deficiencias no transporte e nos comedores escolares.

Tras unha reunión na Cámara galega con máis de medio cento de representantes das asociacións de pais e nais e da comunidade educativa, Pontón denunciou especialmente a situación de “desesperación” que viven os pais e as nais de rapazada con necesidades educativas especiais. “Non pode ser que todos os anos haxa pais e nais que teñen que estar pelexando para que os seus fillos e fillas teñan persoal de apoio que necesitan”, asegurou. 

Denunciou que a Galiza está á cola en investimento en educación, por debaixo da media estatal e da maioría das comunidades. Segundo os datos oficiais, entre 2009 e 2022 o gasto en educación no conxunto do Estado incrementouse 19,4%, mentres que na Galiza só 9,9%. 

É por iso que o BNG reclama, entre outras medidas, un sistema de axudas para todas as familias, a aplicar xa este mesmo curso co abono directo dos gastos en libros de texto. Un curso, destacou Ana Pontón, no que o sistema “obsoleto, ineficaz e totalmente insuficiente” do Goberno galego deixa 30% das familias sen ningún tipo de axuda para pagar libros ou material escolar, malia que na Galiza a inflación sobe sistematicamente por riba da media estatal e os salarios e as pensións son máis baixos.

A portavoz nacional do BNG denunciou, por outra parte, o incumprimento das ratios oficiais e que aínda hai familias á espera de que se lles asigne praza no ensino público. Sobre esta cuestión, denunciou que non se aplica a redución da ratio en aulas que agrupan alumnado de diferentes niveis e tampouco se aplica o desdobre das aulas cando polo cómputo de alumnado con algún tipo de discapacidade se supere a media de 25 alumnos e alumnas por clase.

Comentarios