A reforma xudicial mexicana afronta a súa votación final no Senado

Un medio dos EUA alerta do efecto nas investidoras.
Andrés Manuel López Obrador. (Foto: Carlos Santiago / Europa Press / Contacto)
photo_camera Andrés Manuel López Obrador. (Foto: Carlos Santiago / Europa Press / Contacto)

Nunha sesión conxunta, as comisións de Puntos Constitucionais e Estudos Lexislativos do Senado de México aprobaron na madrugada da segunda feira o ditame da reforma xudicial impulsada polo presidente, o progresista Andrés Manuel López Obrador, que despois de ter sido validada pola Cámara Baixa será presentada a terza no Pleno do Senado, onde se prevé que sexa discutida e votada definitivamente a cuarta feira, sinala o xornal El Universal.

A diferenza do acontecido a semana pasada na Cámara de Deputados, onde o Movemento de Rexeneración Nacional (Morena) do mandatario goza dunha maioría cualificada, na Cámara Baixa os medios locais inciden en que a formación aínda está a un voto de garantir a aprobación, que negocia entre as filas opositoras.

Ao tempo, vai en aumento a presión desde os Estados Unidos contra a reforma, que xa causou un choque entre López Obrador e o embaixador estadounidense en Cidade de México, Ken Salazar, quen aseverou que supón un risco para a democracia e unha ameaza para as relacións comerciais, deixando entrever que afectaría a independencia xudicial, algo que o presidente mantén que busca garantir, acabando así coa corrupción na Xustiza.

Nese sentido, o xornal The Wall Street Journal sostivo, citando representantes de empresas e asesorías, que a reforma xerou que se estean a reter máis de 30.000 millóns de euros en proxectos de investimento de diversos sectores, unha cifra equiparábel ao investimento estranxeiro no país ao longo dun ano.

O medio reiterou que tamén están en xogo máis de 15.000 millóns de euros en investimentos privados para cubrir o incremento de electricidade para uso industrial no país, así como indicou que probabelmente “aumenten as custosas arbitraxes internacionais sobre dereitos de investimento, xa que as empresas intentan evitar os tribunais mexicanos”.

O principal eixo da reforma é a elección de xuíces e xuízas federais por votación popular, algo que, de forma paradoxal, xa fan 43 dos 50 territorios que conforman os Estados Unidos.

Tamén reduce de 11 a 9 as e os membros do Supremo Tribunal de Xustiza e o seu mandato de 15 a 12 anos, ademais de eliminarse a pensión vitalicia da que gozan e limitar o seu salario ao da persoa que ocupa a Presidencia do país norteamericano.

O domingo desenvolvéronse na capital mexicana manifestacións a favor e en contra da reforma, ao que hai que engadir a folga do sector xudicial e do máximo tribunal mexicano.

Comentarios