Tebboune gaña en Alxeria mais denuncia canda o resto de candidatos irregularidades no reconto

Incoherencias nos datos do organismo electoral.
Abdelmadjid Tebboune. (Foto: Europa Press / Contacto / Presidenza Del Consiglio / G7)
photo_camera Abdelmadjid Tebboune. (Foto: Europa Press / Contacto / Presidenza Del Consiglio / G7)

Os resultados oficiais das eleccións do sábado en Alxeria, que ratificaron a reelección para un segundo e último mandato do presidente Abdelmadjid Tebboune con case 95% dos sufraxios, rexistraron “imprecisións e contradicións nas cifras de participación”, así como “entre as cifras anunciadas polo presidente do organismo  [electoral] e as actas de escrutinio e  reconto de votos presentadas polas comisións electorais municipais e provinciais”, sinala un comunicado conxunto das tres candidaturas que se presentaron aos comicios, recollido a segunda feira pola prensa internacional.

Tanto o equipo de campaña de Tebboune como o do islamista Abdelaali Hassani Cherif (3,17% das papeletas) e o do socialista Youcef Aouchiche (2,16%) criticaron “a ambigüidade do comunicado” no que foron anunciados os resultados, e que “non incluíu a maioría dos datos esenciais nos anuncios de resultados como é habitual”.

A Autoridade Nacional Independente de Eleccións alegou que estas contradicións responden a que continúa recibindo os datos procedentes das mesas electorais, facendo fincapé en que serán entregados ao Tribunal Constitucional unha vez finalizado o escrutinio.

"Participación media"

Os resultados foran comunicados o domingo por Mohamed Charfi, que encabeza o organismo, que tras o feche das urnas anunciara unha “taxa de participación media” de 48,03%.

Nas anteriores presidenciais, en 2019, Tebboune vencera con case 60% e cunha participación na contorna de 40% do electorado.

Un día despois das eleccións a campaña de Hassani denunciou “presión sobre certos directores de colexios electorais para inflar os resultados”, e Aouchiche cuestionou a “falta de transparencia”.

Comentarios