Tres directores galegos presentan os seus filmes na Filmoteca

Yasujiro Ozu e Agnès Varda terán cadansúa retrospectiva.
Un fotograma de 'A foreign song', de César Souto.
photo_camera Un fotograma de 'A foreign song', de César Souto.

A Filmoteca da Galiza inicia hoxe a nova temporada de proxeccións 2024-2025 na súa Sala José Sellier da Coruña, que ao longo de setembro exhibirá os traballos máis recentes de tres cineastas galegos. César Souto, Simón Casal e Jorge Algora presentaranlle ao público as súas pezas documentais como parte dunha carteleira na que o realizador xaponés Yasujirô Ozu e a directora francesa Agnès Varda tamén serán protagonistas.

A sección Off Galicia programa o 17 de setembro A Foreign Song (2022), no que César Souto aborda a figura do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens, e o día 20 será a quenda dos filmes de Simón Casal The Gourougou Trial (2022) e Artificial Justice (2022), sobre a intelixencia artificial na administración, coincidindo coa película de ficción sobre esta mesma temática que o director galego lanza agora na gran pantalla.

Na xornada do 26 de setembro, a Filmoteca acolle a estrea de Dislexia: demasiados días desastrosos, de Jorge  Algora, que pon o foco nos obstáculos que sofren os mozos e mozas con este trastorno, a partir da súa propia experiencia e a das persoas especialistas en diferentes ramas da saúde que os acompañan no proceso. A Filmoteca recibirá os tres directores para presentar os seus traballos e manter un coloquio co público.

No marco do ciclo Materiais para unha historia do cine en Galicia, estrearase o 27 de setembro a dixitalización de Carmiña, flor de Galicia (1926) de Rino Lupo.

Ademais, a Filmoteca continúa o ciclo arredor do cineasta xaponés Yasujirô Ozu, centrándose no período entre 1932 e 1942, a etapa na que Ozu conforma o seu estilo.

No apartado Fóra de serie, a cinemateca retoma hoxe a súa programación coa proxección da película arxentina Puan, e a iraniana Los osos no existen (18 e 19 de setembro). O 12 de setembro terá lugar a presentación do libro Iceberg Borau. La voz oculta de un cineasta, do historiador e crítico de cine Carlos F. Heredero, seguida do filme Leo, de José Luis Borau. 

E a finais de mes arrincará Universo Agnès Varda, unha retrospectiva que homenaxea a figura da fotógrafa e cineasta francesa que conseguiu coarse coa súa mirada feminista nun canon eminentemente masculino. A Filmoteca programará até o mes de decembro grande parte da súa filmografía.

Comentarios