Renuncia o director xeral das prisións lusas logo dunha fuga que a Policía tardou tres horas en descubrir

O Executivo recoñece "fallas moi graves".
Rui Abrunhosa Gonçalves, ex responsábel dos cárceres en Portugal. (Foto: Universidade do Minho)
photo_camera Rui Abrunhosa Gonçalves, ex responsábel dos cárceres en Portugal. (Foto: Universidade do Minho)

Rui Abrunhosa Gonçalves, director xeral de Reinserção e Serviços Prisionais de Portugal, presentou a terza feira a súa dimisión, aceptada pola ministra de Justiça do Goberno conservador, Rita Alarcão Júdice, logo da fuga o sábado de cinco presos da prisión de Vale de Judeus, a 70 km de Lisboa. A ministra remarcou que a fuga "resultou dunha cadea sucesiva de erros e fallas moi graves".

A Polícia de Segurança Pública non foi consciente da fuga até case tres horas máis tarde, cinco horas no caso da Polícia Judiciária.

Malia que nun primeiro momento se cuestionou a falta de gardas de prisións no país, Vítor Ilharco, secretario xeral da Associação Portuguesa de Apoio ao Recluso, salientou que varios países no continente teñen unha relación entre gardas e persoas presas inferior, reclamando unha redución do número de cárceres e liberar persoas que “non debían estar alí”, como as arredor de 900 encarceradas por conducir sen carné.

Ademais, transcendeu que na tarde da terza feira a Xustiza lusa aínda non emitira ordes de captura europeas e internacionais contra os fugados.

Comentarios