O ministro de Exteriores de Israel avoga por "evacuar temporalmente" Cisxordania "igual" que aconteceu en Gaza

Un home porta unha bandeira de Palestina ante os vehículos militares de Israel que patrullan as rúas de Tulkarm, en Cisxordania, o pasado 22 de agosto. (Foto: Mohammed Nasser / APA Images via Z / DPA)

“Esta é unha guerra para todo e debemos gañala”, sinalou o ministro no seu perfil da rede social X.

O ministro de Exteriores israelí, Israel Kats, propuxo esta cuarta feira “evacuar temporalmente” Cisxordania co fin de “frustrar as infraestruturas terroristas” despois de que o Exército israelí anunciara unha “operación de loita contra o terrorismo” no norte do territorio, que deixou polo momento unha decena de mortes.

Debemos abordar a ameaza do mesmo modo que abordamos a infraestrutura terrorista en Gaza, incluída a evacuación temporal dos residentes palestinos e calquera medida que sexa necesaria. Esta é unha guerra para todo e debemos gañala”, manifestou a través do seu perfil na rede social X.

Kats fixo referencia á operación que levan as forzas de seguridade en Xenín e Tulkarm, que ten o “obxectivo de frustrar as infraestruturas terroristas islámico-iranís que se estabeleceron alí”. “Irán está traballando para estabelecer unha fronte terrorista oriental contra Israel en Cisxordania, segundo o modelo Gaza e Líbano, financiando e armando terroristas e contrabandeando armas avanzadas desde Xordania”, sostivo.

Fontes palestinas informaron na madrugada desta cuarta feira da morte de nove palestinos en tres ataques distintos, dous deles por disparos do Exército na cidade de Xenín, outros tres cando estaban nun vehículo que foi bombardeado por un dron na localidade de Sir, e outros catro no campamento de persoas refuxiadas de Al Fará, ao sur de Tubas.

As operacións do Exército de Israel e os ataques de colonos israelís en Cisxordania e en Xerusalén leste deixaron máis de 630 palestinos mortos desde que este tipo de accións se incrementaron desde o pasado 7 de outubro. As autoridades palestinas na Faixa de Gaza contabilizaron desde esta data máis de 40.400 mortes a causa dos ataques de Israel.